Skip to main content

191. Dío en inglés, que queda máis moderno: o caso dos badges

Un idioma preciso

Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero... ai, a falta de constancia!

Pois resulta que ao pouco de acabalo, recibín unha mensaxe que me convidaba a descargar o badge que acreditaba a miña formación. Era unha situación curiosa: velaí estaba eu sen saber que era o que me ofrecían descargar para demostrar que superara o curso.

Unha consulta rápida á Wikipedia permitiume aclarar esta primeira dúbida: estábanme ofrecendo un certificado dixital (normalmente baixo a forma dun ficheiro de imaxe) que acredita que unha persoa completou un determinado curso, ou adquiriu unha especialización, habilidade ou competencia concretas.

Pero a información que a mesma Wikipedia ofrece sobre os badges físicos —dos que tomaron o seu nome os dixitais— levoume a outra pregunta: se en inglés aproveitaron unha denominación existente para reutilizala cunha nova realidade, ten xeito que en galego importemos a palabra estranxeira? Unha palabra, ademais, que non sería nada doada de integrar, nin baseándonos na grafía nin apoiándonos na pronuncia.

Se en galego a eses mesmos obxectos físicos lles chamamos distintivo ou insignia —pensaba eu— non sería lóxico aproveitar esas palabras para bautizar a súa versión dixital? E mirade por onde, veu avalar as miñas intuicións nin máis nin menos ca Microsoft.

Buscando no seu Portal Lingüístico (que ofrece a posibilidade de consultar e descargar coleccións de terminoloxíaguías de estilo e traducións de interfaces de usuario en múltiples idiomas) descubrín que nas súas aplicacións empregan tamén distintivo para referirse a esas pequenas iconas ou imaxes. Se a iso lle engadimos que esa mesma forma é a recomendada para portugués e para español (á beira de insignia, neste caso), creo que temos argumentos abondos para arrombar definitivamente a importación da palabra inglesa.

Por iso, desde o Servizo de Normalización Lingüística aconsellamos empregar distintivo ou insignia (se se quere completados co adxectivo dixital) e evitar falar de badges.

The contents of this page were updated on 11.14.2023.