Skip to main content

187. O bitcoin e outros termos arredor del

Un idioma preciso

De hai un tempo para aquí, os medios de comunicación falan moito do bitcoin, esa moeda que se merca e se vende por internet e que tanto pode facer rica á xente en catro días como arruinala.

Como de economía sabemos entre pouco e nada, non esperedes que falemos das súas potencialidades ou dos seus riscos (para iso tedes que buscar outros blogs). O que imos facer é comentar algúns termos relacionados con esta moeda e a forma máis acaída para referirse a eles en galego.

O primeiro deles é o mesmo bitcoin (unha palabra inglesa formada pola unión de bit coin), aínda que en realidade non ten moito que contar: todas as linguas do noso contorno incorporan esa palabra sen modificacións, así que iso mesmo é o que nos toca facer en galego.

O segundo dos termos é o que designa a tecnoloxía en que se basea: o blockchain. Trátase dunha base de datos distribuída, formada por unha serie de bloques de datos que se almacenan sucesivamente, e deseñada para impedir que poida ser modificada despois de que un bloque se publique, empregando para iso un selo de tempo confiable e enlazando a un bloque anterior. Pero o que nos interesa aquí é saber que as principais linguas europeas optaron por traducir o nome (cadena de bloqueschaîne de blocscadena de blocscadeia de blocos), o que nos leva a recomendar para o galego unha solución similar (cadea de bloques), forma que vimos recomendando a través de bUSCatermos.

En terceiro lugar, fixarémonos na nomenclatura que se emprega para a súa clasificación. Cando se fala do bitcoin chámaselle unhas veces moeda dixital, outras moeda virtual e outras criptomoeda como se estas tres denominacións fosen sinónimas. E non o son:

  • Unha moeda dixital é calquera moeda que se almacena e se transfire electronicamente, non de forma física como as moedas e os billetes. É, pois, un concepto moi xenérico que abrangue desde o diñeiro que está na nosa conta bancaria ata os bitcoins.
  • Unha moeda virtual é un tipo específico de moeda dixital, non regulada, emitida e normalmente controlada polos seus desenvolvedores, que é empregada e aceptada entre os membros dunha comunidade virtual específica, pero que en principio non serve para comprar bens fóra desa comunidade. Segundo iso, non deberiamos incluír o bitcoin nesta categoría.
     
  • Unha criptomoeda é outro subtipo de moeda dixital descentralizada, concibida para ser utilizada como medio de intercambio, que emprega a criptografía para asegurar as súas transaccións e controlar a creación de unidades adicionais, sen necesidade de intermediarios. E o bitcoin é o exemplo prototípico desta tipoloxía de moeda dixital.

 

Xa que logo, quedade con dúas ideas básicas de todo isto:

  • Moeda dixitalmoeda virtual e criptomoeda non deben tratarse como sinónimos.
     
  • Debemos empregar bitcoin e cadea de bloques para referirnos á criptomoeda máis coñecida e á tecnoloxía que en que se sustenta.
The contents of this page were updated on 11.14.2023.