Skip to main content

183. Un latinismo vivindo na auga doce

Un idioma preciso

Hai uns poucos días, a Universidade de Santiago de Compostela presentaba un curso de verán sobre "ictiofauna doceacuícola". Foi ler a información e sospeitarmos que algo renxía nese "doceacuícola".

Despois de ver algúns casos paralelos (arenícolahumícolalignícolasilvícola...) concluímos que a nosa sospeita era certa: a forma que se debe empregar en galego é "dulciacuícola". Pero por que, se tanto "doce" como "acuícola" son palabras correctas?

Pois porque como podemos ver nos exemplos anteriores (ou no propio acuícola), as palabras compostas que usan -cola como segundo elemento, recorren tamén a unha forma latina para a primeira parte da palabra. Por iso, escribimos arenícola (no canto de areícola), lignícola (e non leñícola ou madeirícola) ou acuícola (e non auguícola); e por iso debemos optar pola forma latina do prefixo (dulci-) e desbotar a súa versión adaptada ao galego (doce-).

E por que non facemos con dulciacuícola o que facemos naturalmente nos exemplos de máis arriba (ou noutros como apícolaostreícolarupícolavinícola...), cando ademais se recomenda en dicionarios galegos desde hai perto de dez anos? A razón atopámola mirando cara ao oeste. Exacto: en castelán considérase correcto tanto dulciacuícola como dulceacuícola, pero emprégase moito máis a segunda. E esa tendencia espállase (por que será?) polos textos en galego.

 

Pero os hábitos do castelán non teñen por que ser os nosos. E se evitamos empregar selvícolaareícola ou abellícola, debemos referirnos ao 'organismo que vive na auga doce' como dulciacuícola.

The contents of this page were updated on 11.15.2023.