Skip to main content

170. A RAG falla con "fallo".

Un idioma preciso

Desde hai moitos anos, os dicionarios elaborados pola Real Academia Galega -e baseándose neles, algúns outros- veñen desaconsellando o uso de fallo para referirse á 'parte dunha sentenza en que se recollen os pronunciamentos que se adoptan sobre a cuestión que foi obxecto de litixio'.
 

Xa o Dicionario editado en 1997 dicía que 'O uso desta palabra [fallo] como sentencia ou veredicto é un castelanismo que non debe empregarse'; e 15 anos despois, a edición de 2012 reproduce literalmente esa observación. Previamente, en 2004, o Dicionario castelán-galego concretaba esa recomendación e propuña como alternativa sentenza.
 

fallo s.m. Der. sentenza (f) El abogado defensor recurrirá el fallo. O avogado defensor recorrerá a sentenza.
 

No entanto, a pesar de tantas recomendacións nun mesmo sentido, temos que dicir que a RAG falla. Falla porque as denominacións que nos ofrece como equivalentes en realidade designan conceptos xurídicos diferentes do que estamos intentando nomear:

  • Unha sentenza é a 'resolución xudicial que decide definitivamente o preito cando, segundo as leis procesuais, deba revestir esta forma' e, como vimos máis arriba, o "fallo" é unha das súas partes.
     
  • Un veredicto é a 'declaración dos membros dun Xurado na cal declaran como probado ou non-probado o feito xustizable que o maxistrado-presidente determinase como tal, e proclaman a culpabilidade ou a non-culpabilidade de cada acusado'.

Por iso, empregar calquera deles como equivalente de "fallo" provocaría unha situación de ambigüidade e falta de precisión que a documentación técnica debe evitar a toda custa.
 

Unha boa alternativa pode ser facer caso dos autores do Dicionario xurídico galego (2011) e empregar parte dispositiva ou decisión, tal e como recomendan dentro da entrada sentenza, ao explicaren que segundo o artigo 248.3 da Lei orgánica do poder xudicial, a estrutura externa dunha sentenza organízase en catro partes: o "encabezado", os "antecedentes de feito", os "fundamentos de dereito" e a "parte dispositiva ou decisión".
The contents of this page were updated on 11.15.2023.