168. E Border de que enfermou?
Hai case un ano, un anuncio no DOG anunciaba a compra dun lote de reactivos para diagnosticar a enfermidade de Border en pequenos ruminantes. Como é moi habitual que as denominacións das enfermidades inclúan o nome de quen as descubriu ou divulgou (enfermidade de Alzheimer, enfermidade de Crohn...), ou o dun paciente célebre (síndrome de Münchausen), comezamos a buscar quen era o tal Border. E aí levamos unha boa sorpresa.
Resultou que non era ninguén, que non había ningún científico de apelido Border que describira as causas dunha doenza veterinaria que atacaba ao gando ovino e caprino. E o que si tiñamos diante era unha mala tradución do inglés border disease ('enfermidade da fronteira') convenientemente pasada pola maquillaxe do castelán enfermedad de Border.
A doenza recibe ese nome porque se describiu por primeira vez en 1959 nunha rexión fronteiriza entre Gales e Inglaterra. Por iso, a forma que recomenda para ela a Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) é maladie de la frontière en francés, e enfermedad de la frontera en castelán. Se isto lle engadimos que doença da fronteira é a forma preferida en portugués, e malaltia de la frontera, en catalán, a conclusión parece evidente.
Debemos fuxir da tradución atrapallada do inglés e optar por enfermidade da fronteira ou doenza da fronteira, calcando correctamente a denominación inglesa. |