Skip to main content

165. Un caso de trasacordos: *entablillar

Un idioma preciso

Unha operación que hai que realizar con certa frecuencia no ámbito da medicina ou da enfermería de emerxencia é a de inmobilizar un membro que se sospeita afectado por unha fractura, empregando un elemento ríxido e longo abondo, que evite movementos que agraven a posible lesión. A pesar da súa relevancia, en galego non demos asentado aínda un nome para ela.
 

Se cadra por iso, é habitual recorrer directamente aos castelanismos entablillar (para a acción) e entablillado (para a operación de realizala). Se buscamos unha forma máis acaída no Dicionario castelán-galego da RAG (2004) descubrimos que se nos recomenda unha perífrase (case unha definición) como inmobilizar con táboas; pero unha proposta tan longa coma esa parécenos que vai ter dificultades para suplantar no uso real unha alternativa máis curta e ben asentada como entablillar.
 

Ademais, a elección dese dicionario sorprende porque ignora sen ningún argumento outras propostas previas que evitaban o problema da lonxitude, e polas que se podía apostar, como por exemplo entalar. Este verbo aparecía xa desde o século XIX, recollido co significado de 'entablillar un miembro'; e con este mesmo valor se incluíu no Diccionario Xerais castelán-galego (1999), en artigos xornalísticos editados polo académico Constantino García, ou no Dicionario galego de termos médicos (2002), revisado polo Seminario de Lexicografía da propia Academia. Neste último caso, a forma que aparece é entalado, definida como a 'acción e efecto de estabilizar con táboas finas ou con férulas un óso fracturado').
 

Parece que evitar entalar é unha forma de desaconsellar o seu uso, pero traballos posteriores a esta data, como o Gran dicionario século 21 galego/castelán, castelán/galego (2006) seguen propoñéndoo como denominación galega para ese concepto. Pero é que ademais, a última edición do Dicionario da Real Academia Galega parece aceptalo xa como un uso correcto, non explicitamente pero si de xeito indirecto. Para entalar ofrece unha definición bastante xenérica e non recolle explicitamente a acepción médica, e de entaladura non di outra cousa máis ca 'Acción e efecto de entalar'; pero se nos fixamos no exemplo con que esta se ilustra atopamos o seguinte: 'Empregaron unhas táboas para a entaladura da perna rota'.
 

Con todos estes datos, cremos que o máis razoable é ignorar a proposta do Dicionario castelán-galego da RAG, e recomendar entalar como nome galego para esa operación.
The contents of this page were updated on 11.15.2023.