Skip to main content

163. "Baria" ou "baría" no sistema ceguesimal?

Un idioma preciso

sistema CGS ou sistema ceguesimal de unidades físicas perdeu ao longo das últimas décadas case toda a súa relevancia, ao tempo que ía sendo substituído polo Sistema Internacional. Aínda así, moitas das súas unidades seguen manexándose nos estudos de física e seguen, por iso, aparecendo nos dicionarios de lingua común. Hoxe queremos fixarnos en como trata o Dicionario da Real Academia Galega unha delas: a baría (sic?).
 

Con este nome desígnase nese dicionario a unidade de presión do sistema ceguesimal, equivalente á presión dunha forza dunha dina sobre unha superficie dun cm2. O curioso é que esa escolla sitúa o galego en fronte da maior parte das linguas do noso contorno, que consideran como vogal tónica o primeiro -a-. Así o fai o portugués (bária), o castelán (baria) ou o inglés (barye), mentres que só en francés (barye) e catalán (baria) a tonicidade da palabra recae no -i-.
 

Pero tampouco en galego a aposta por baría é unánime. Podemos atopar esa forma nun dicionario tan relevante como o Gran Xerais da lingua, pero outros como a Enciclopedia Galega Universal, o Dicionario de galego (Ed. Ir Indo), o Gran dicionario Século 21o Diccionario galego de termos médicos, o Dicionario de física (Ed. Baía) ou a Galipedia recomendan baria, que é tamén a forma máis empregada na documentación real.
 

 Á vista dun panorama así, pensamos que cómpre -como mínimo- recoñecer baria como unha forma adecuada de nomear a unidade de presión do sistema ceguesimal, xa que non atopamos razóns lingüísticas nin pragmáticas que xustifiquen a súa exclusión.
The contents of this page were updated on 11.15.2023.