158. Crowdfunding, ou mecenas en tempos de crise
Nestes anos de crise económica e recortes acabamos familiarizándonos con moitas palabras que antes nos resultaban alleas ou que só manexaba un reducido grupo de especialistas. A prima de risco, os miniempregos, o apancamento, a bancarización... pasaron dos informes técnicos ás conversas de café. Algo semellante lle ocorreu a crowdfunding, o termo de que nos imos ocupar hoxe.
Esta palabra inglesa describe un 'sistema de financiamento de proxectos empresariais, culturais ou sociais, desenvolvido a través da web, das redes sociais ou de plataformas específicas, que pretende conseguir o capital necesario a partir de pequenas achegas económicas realizadas por un número moi amplo de persoas, as cales adoitan ter algunha afinidade ideolóxica ou afectiva co proxecto financiado'. Por isto, non reciben ningunha compensación económica polo seu financiamento, aínda que si se adoita premiar con agasallos a súa colaboración.
As linguas do noso contorno desaconsellan en xeral o emprego do anglicismo, xa que tanto a súa escrita como a súa pronuncia son difíciles de adaptar ás pautas gráficas e orais dos distintos idiomas. Por iso, recomendan alternativas como:
- financiación colectiva, financiación en masa ou micromecenazgo, en castelán
- financiamento colectivo ou financiamento colaborativo, en portugués
- financement collective, financement participatif, sociofinancement ou financement communautaire, en francés
- micromecenatge, en catalán
No noso caso, parece razoble apostar por un tratamento semellante, xa que eses problemas de integración tamén se dan en galego. Pero ademais, cabe ter en conta que a norma léxica desta lingua tende a evitar a integración dos anglicismos rematados en -ing (pensemos en exemplos como coaching, mobbing, bullying, hosting, rafting, casting...). Por iso, recomendamos empregar algunha das alternativas documentadas en textos reais, como micromecenado, financiamento en masa ou financiamento colectivo. |
Actualización: 20/02/2013
Despois dun interesantísimo intercambio de opinións no foro -graciñas, Xabi-, pensamos que tamén se debe incluír mecenado participativo, como potencial nome galego para este concepto.