Skip to main content

157. Caudais que non levan auga

Un idioma preciso

A palabra caudal forma parte do léxico do castelán e do galego, pero isto non quere dicir que o seu significado en ambas as linguas sexa o mesmo.
 

Tanto nunhacomo noutra pode referirse a algo 'relativo ou pertencente á cola'; e tamén se emprega nas dúas para designar a 'cantidade de auga ou doutro fluído que pasa por un lugar ou que atravesa un conduto nunha unidade de tempo determinada'. Pola contra, en español caudal úsase tamén para referirse á 'Hacienda, bienes de cualquier especie, y más comúnmente dinero', concepto que en galego é expresado como capital ou fortuna, tal e como nos recomenda o Dicionario castelán-galego da RAG.
 

Por iso, cando nos atopamos coa expresión caudal relicto, propia do dereito de sucesións español, debemos evitar o emprego de caudal relicto como equivalente galego, e buscar unha alternativa. A iso imos dedicarnos a partir de aquí.
 

Esa forma designa o 'conxunto de bens, dereitos e obrigas que posúe unha persoa no momento do seu falecemento e que constitúen todo o seu patrimonio', e conta con equivalentes como bienes relictoshaber hereditarioacervo hereditariocaudal hereditario ou masa hereditaria. De todos eles, o primeiro non parece moi acaído -por moito que o recomende a RAE- pois se volvemos á definición comprobamos que os "bens" son só unha parte de todo o transmisible como herdanza.
 

Por ese mesmo motivo, tampouco consideramos bens relictos como unha forma apropiada de referirse a ese concepto, a pesar de aparecer documentada en textos legais como o Código civil ou a Lei concursal. E o mesmo se pode dicir do capital relicto que figura na Lei de dereito civil de Galicia.
 

Parécenos mellor que a denominación galega parta de substantivos como patrimonio ou masa, que aluden tanto ao activo como ao pasivo da persoa que falece.
 

Por iso, consideramos que patrimonio sucesorio (recomendado no Léxico da administración castelán-galego, e no Curso medio de linguaxe xurídica) ou masa hereditaria (empregado tamén no Código civil) deben ser as formas preferidas, aínda que sempre se poderían empregar tamén as súas variantes patrimonio relicto ou masa relicta.
The contents of this page were updated on 09.09.2024.