Skip to main content

152. Case son cristais, pero non: os cuasicristais

Un idioma preciso

Os especialistas en química e en enxeñaría de materiais hai anos que saben da existencia dos cuasicristais, pero os profanos nestas materias oímos falar deles co gallo da concesión do Premio Nobel de Química 2011 ao seu descubridor, o científico israelí Daniel Shechtman.

 

Explicándoo de forma moi básica, poderíase dicir que son corpos sólidos que presentan estruturas atómicas semellantes ás dun cristal, pero que se diferencian destes porque esas estruturas son ordenadas pero non periódicas, é dicir, non poden ser construídas repetindo ata o infinito unha cela básica que se toma como unidade. Pero o que a nós nos interesa realmente, non é tanto indicar en qué consisten senón intentar determinar para eles un nome en galego, xa que nestes días puidemos velos citados como quasicristaiscasecristais ou cuasicristais.
 

 

A palabra creouse en inglés (quasicrystal) engadíndolle ao substantivo crystal o prefixo latino quasi-. As linguas da nosa veciñanza copian este método, de tal xeito que a única particularidade é a forma en que se adapta o prefixo: nalgúns casos mantense o qua- (quasi-cristal ou quasicristal, en francés; quase-cristal, en portugués), e noutros adáptase en cua- (cuasicristal, en castelán).

 

Xa que logo, o que precisamos saber é se en galego existe unha pauta que oriente sobre a forma de adaptar ese prefixo latino. A Real Academia Galega non trata o tema de forma explícita, pero si que manifesta a súa opinión implicitamente, cando recomenda usar formas como cuasicontrato ou cuasidelito, nun traballo que avala coa súa autoridade.

 

En consecuencia, o máis coherente con esta práctica é adaptar o qua- latino como cua-, e apostar polo uso de cuasicristal, que é tamén a forma recollida na Enciclopedia Galega Universal.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.