151. Montes e moreas na memoria dun ordenador
O campo da informática ten dúas características (o seu acelerado ritmo de innovación e a preponderancia asfixiante do inglés) que o converten nun terreo en que todas as linguas do mundo atopan grandes dificultades para intentar acoutar a entrada masiva de anglicismos.
Por iso, volvemos outra vez sobre el para fixarnos en dous conceptos relacionados coa forma en que un sistema operativo asigna memoria no momento de executar un programa. Non é a primeira vez que dicionarios e glosarios galegos se fixan neles, pero non se dan asentado unhas denominacións que unan a precisión conceptual e a difusión entre os seus potenciais usuarios.
Comezaremos expoñendo a situación:
- O primeiro concepto é unha 'área da memoria en que os datos son engadidos ou eliminados segundo a estrutura LIFO (último en entrar, primeiro en saír)'. O inglés bautizou como stack, tanto a estrutura de datos como a área de memoria en que a información é xestionada seguindo esa estrutura. Pola súa parte, castelán, portugués e francés parten do significado común de stack para buscar a palabra equivalente en cada lingua (pila, pilha e pile, respectivamente) e reproducir o esquema de uso que vimos en inglés.
En galego, o Digatic intenta aplicar ese mesmo procedemento, pero evita pila (tendo en conta que entre nós só designa o 'xerador que transforma en enerxía eléctrica a enerxía producida por unha reacción química') e recomenda morea. Curiosamente, só fai mención á estrutura de datos e non á área da memoria. Unha liña semellante séguena os produtos localizados de Microsoft, que empregan maioritariamente montón. No entanto, outros recursos galegos, nomeadamente o glosario e o corpus lingüístico producidos ao abeiro do proxecto Mancomún, apostan polo emprego de pila ou pila de memoria (atribuíndolle a esta palabra un sentido que contradí explicitamente o recollido no dicionario académico galego).
- O segundo concepto defínese como a 'área utilizada para a reserva dinámica de memoria, cuxos bloques se reservan e liberan nunha orde arbitraria, de modo que o padrón de reserva e o tamaño dos bloques non se coñecen ata o momento da execución'. En inglés coñécese como heap, nome que tamén se lle dá a unha estrutura de datos. Pero, se entre o stack ('estrutura de datos') e o stack ('área de memoria') había unha relación conceptual evidente, os dous conceptos nomeados como heap non parecen ter conexión entre eles. Castelán e francés elaboran denominacións para as súas linguas de modo semellante ao que vimos antes: parten do significado común de heap e buscan a palabra equivalente en cada lingua para designar a estrutura de datos (montículo e tas, respectivamente). Pero tendo en conta esa falta de relación entre os conceptos, para falar da 'área de memoria' esas dúas palabras conviven cunha presenza considerable do nome inglés. Neste caso o portugués opta por outra vía e usa directamente o estranxeirismo.
En galego, o Digatic propón monte (agora definido como 'área de memoria' e non como 'estrutura de datos'); mentres tanto, Glosario de Mancomún aposta por montón e no corpus lingüístico resultado das localizacións de Microsoft, a forma maioritaria é área de datos dinámicos.
Na nosa opinión, en relacións cos nomes propostos para o galego cabería dicir varias cousas:
- Cómpre desbotar a opción de pila por contradicir explicitamente as recomendacións normativas.
- Recorrer a formas como monte, montón ou morea -con significados practicamente idénticos na lingua común- para designar dous conceptos diferentes dentro da área da informática pode crear problemas de ambigüidade e imprecisión na documentación técnica.
- Aínda obviando o anterior, morea ou montón teñen un problema intrínseco para funcionar como equivalentes acaídos do stack inglés: entre os seus trazos definitorios non ten un papel relevante a idea de 'ben colocadas', que pola contra é esencial para describir con exactitude a estrutura LIFO.
- Se entre os dous conceptos que en inglés se coñecen como heap non hai unha relación conceptual clara, non é imprescindible que o galego recorra á mesma expresión para darlles nome.
Por todo o anterior, a nosa proposta sería a seguinte:
|