Skip to main content

142. Precisión ornitolóxica 2: mobella, non *colimbo

Un idioma preciso

Existen catro especies do xénero Gavia que se poden avistar no mar galego:

 

  • Gavia stellata, que en portugués recibe o nome de mobelha-pequena; en castelán, colimbo chico; e en inglés, Red-throated Diver.
  • Gavia arctica, que en portugués recibe os nomes mobelha-de-garganta-preta e mobelha-arctica; en castelán, colimbo ártico; e en inglés, Black-throated Diver.
  • Gavia immer, que en portugués recibe o nome de mobelha-grande; en castelán, colimbo grande; e en inglés, Great Northern Diver (ou Common Loon).
  • Gavia adamsii, que en portugués recibe os nomes de mobelha de Adams e mobelha-de-bico-amarelo; en castelán, colimbo de Adams; e en inglés, White-billed Diver (ou Yelow-billed Loon).

 

Todas catro son raras na nosa costa, de modo particular Gavia adamsii. Caracteristicamente avístanse no mar, no inverno, aínda que ás veces tamén se rexistran no outono ou na primavera. O habitual é observalas por tanto con plumaxe de inverno, nada rechamante en comparación coa plumaxe nupcial. Isto fai que ao lonxe parezan case idénticas e sexan difíciles de diferenciar –só por pequenos detalles que é preciso catar moi ben– e isto tamén comporta a inexistencia de nomes galegos específicos: só se coñecen nomes xenéricos con que se designan indistintamente calquera delas.

 

Concretamente, o nome popular galego máis frecuente e inequívoco para nos referirmos ás especies do xénero Gavia é mobella. M. C. Ríos Panisse (1983) rexistrouno en Portonovo, Mogor, A Guardia, Cangas, Panxón, Cambados e O Grove, xunto coa variante mabea (nas Figueiras) e momella (tamén en Portonovo). A pesar de que a autora apunta estas denominacións para Gavia immer, comenta que as persoas informantes non distinguían entre as especies do xénero, como é lóxico, polo que apuntabamos sobre o seu parecido. Ríos Panisse recolleu tamén patoula nunha localidade, en Caión, para este mesmo grupo de especies. A motivación semántica de mobella estaría relacionada cos movementos ou coa mobilidade destas aves. É moi importante subliñarmos que a autora, no seu exhaustivo traballo, non rexistrou nunca o nome *colimbo no léxico galego do mar, nin para o xénero Gavia nin para ningunha outra especie de ave mariña.

 

Por outra parte a voz mobella recolleuse como galega no Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez González (1958-1961), no Diccionario galego-castelán de X. L. Franco Grande (1979), no Diccionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos (1979) e no Glosario de voces galegas de hoxe de Constantino García González (1985), referíndose sempre a unha ave acuática e mariña que nada e se mergulla, sen a identificar. Para o propósito desta precisión, é igualmente importante destacarmos que nunca, nunca, na bibliografía lexicográfica galega, en ningunha das anteditas catro fontes nin en ningún dos léxicos recompilados no Dicionario de dicionarios (inclúe as obras lexicográficas máis importantes desde o século XVIII até a década dos anos 80 do século XX) se rexistrou *colimbo como vocábulo galego.

 

Mesmo na literatura galega se ten usado o nome mobella. Así o emprega Arximiro Villar González en 42 décimas de febre (1994): Mobella, nívea cadencia, mergúllate na mar maina desta paixón…

 

Canto á bibliografía ornitolóxica especializada, dun xeito sistemático e coherente, os nomes galegos que se empregan especificamente para as aves mergulladoras do xénero Gavia son:

 

  • Mobella pequena para Gavia stellata.
  • Mobella ártica para Gavia arctica.
  • Mobella grande para Gavia immer.
  • Mobella de bico branco ou mobella biquibranca para Gavia adamsii.

 

Aínda que inicialmente na Lista patrón de aves de Galicia de C. Pedreira López e X. M. Penas Patiño (1977 e 1978) propúñase patoula para G. stellatacan do mar para G. arctica e mobella para G. immer, axiña os mesmos autores sistematizaron as denominacións destas especies co nome xenérico de mobella, que era, con boa diferenza, o máis habitual e inequívoco (patoula é unha denominación que tamén se rexistra para outras aves semellantes, do xénero Phalacrocoraxcan do mar é o nome dun ser mitolóxico e o dalgunhas especies de peixes da familia dos esciliorinídeos). M. A. Conde Teira e T. A. Vidal Figueroa (1991) formularon igualmente os nomes estándares específicos destes paxaros coa denominación xenérica de mobella. Hoxe en día, en todas as guías de campo e en todas as publicacións ornitolóxicas galegas, tamén nas publicacións en castelán que inclúen nomes galegos das aves, definitivamente, úsanse as catro devanditas: mobella pequenamobella árticamobella grande e mobella de bico branco ou biquibranca, como denominacións galegas para as diferentes especies do xénero Gavia. Evidentemente, en ningún momento se pensou nos círculos ornitolóxicos galegos que o termo castelán *colimbo se puidese empregar como nome xenérico estándar para designarmos estas especies, tendo como temos o nome xenuíno de mobella, que para máis é coincidente co nome portugués.

 

Poderiamos facer aquí un pequeno debate sobre a correcta ortografía de mobella, isto é, se a palabra debe ir escrita con be ou con uve. Ríos Panisse escríbea no seu traballo con uve e así tamén é como o indica o VOLG (Vocabulario ortográfico da lingua galega). Por outro lado, as catro obras lexicográficas mencionadas (Rodríguez González, Franco Grande, Carré Alvarellos do ano 1979 e García González) recólleno con be, e igualmente con be é como se ten usado sempre na bibliografía ornitolóxica especializada, desde os anos 70 até a a actualidade. O debate seguramente habíanos levar á conclusión de que a ortografía é convencional, pois hai criterios válidos que avalan a grafía tanto dunha forma como da outra. Nesta precisión mantémonos fieis á tradición ornitolóxica galega e escribimos mobella con be. Sexa como for, este promenor non é o obxecto da precisión.

 

O verdadeiramente importante desta precisión, o motivo que leva a redactala, é que desde os anos 90 comezou a divulgarse como forma propiamente galega para as aves do xénero Gavia o termo castelán *colimbo. Por pormos dous exemplos: o Dicionário da língua galega de Isaac Estravís (editado por Sotelo Blanco en 1995 e tamén na moderna versión en liña) inclúe a entrada *colimbo como vocábulo galego, definida de modo inespecífico como ave palmípede das costas dos países fríos (definición que se pode corresponder co xénero Gavia). O Gran diccionaro Xerais da lingua galega, na súa edición do ano 2000 tamén xa recollía o termo *colimbo como propiamente galego e definíao dun modo impreciso como ave nadadora; infelizmente, na nova edición deste mesmo dicionario do ano 2009, vólvese recoller este vocábulo como galego e aínda para máis identifícase xa co xénero Gavia. Talvez a equivocación do Estravís e do Xerais sexa consecuencia de que a voz *colimbo está igualmente considerada como galega no VOLG.

 

Claro que se nos remontamos na etimoloxía do termo *colimbo chegariamos até o grego kólymbos, e non sería disparatado que este vocábulo puidese incorporarse ao galego, quen sabe, se algún día chegamos a ter estandarizados os nomes de todas as aves do mundo e o usamos como nome xenérico dalgún grupo de aves mergulladoras. No entanto, este non é o caso. Hoxe en día para nos referirmos en concreto ás especies do xénero Gavia –que podemos avistar nas nosas costas– temos o nome propiamente galego de mobella. O nome *colimbo con que moi recentemente designan algúns dicionarios estas especies, no fondo, ten a súa orixe no influxo do castelán ou na confusión coa denominación castelá para estas aves.

 

Silverio Cerradelo

 

Novas referencias bibliográficas mencionadas a respecto das denominacións galegas das aves. (Alén destas, véxase tamén as xa apuntadas na precisión anterior):

 

ALONSO ESTRAVÍS, I. (1995): Dicionário Sotelo Blanco da língua galega. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela.

 

CARRÉ ALVARELLOS, L. (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego. Moret, A Coruña.

 

FRANCO GRANDE, X. L. (1981): Diccionario galego-castelán. Galaxia, Vigo.

 

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E. (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo.

 

VV. AA. (2000): Gran diccionario Xerais da lingua. Xerais, Vigo.

 

VV. AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Xerais, Vigo.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.