Skip to main content

141. Precisións ornitolóxicas: unha serie de Silverio Cerradelo

Un idioma preciso

Despois dun silencio ben longo, abrimos de novo a xanela d'Un idioma preciso aos nosos lectores, para presentar unha serie de seis textos centrados na terminoloxía ornitolóxica, da autoría de Silverio Cerradelo -ao que lle agradecemos vivamente que pensase en nós como vía de divulgación.

 

Neles vai analizar un conxunto de nomes de aves que se veñen considerando como galegos, cando na súa opinión se trata de castelanismos, avanzándonos partes da monografía Os nomes galegos das aves, que se publicará no vindeiro 2011 dentro da revista Chioglossa, editada polo grupo naturalista Habitat.

 

Deixámosvos entón coas reflexións de Silverio, e animámosvos a todos e todas a seguir o seu exemplo e a aproveitar o espazo de divulgación d'Un idioma preciso para facer públicas as vosas propias reflexións.

 

Xusto Rodríguez Río
Servizo de Normalización Lingüística da USC

 

--------------------------------------------

 

1.- Onde é que estamos, na lingua galega, a respecto da estandarización dos nomes específicos das aves?

 

Principiamos hoxe unha serie de precisións ornitolóxicas, exactamente seis, que van ser as seguintes:

 

  • Precisión ornitolóxica 1: Onde é que estamos, na lingua galega, a respecto da estandarización dos nomes específicos das aves?
  • Precisión ornitolóxica 2: mobella, non *colimbo.
  • Precisión ornitolóxica 3: Oxyura.
  • Precisión ornitolóxica 4: Rallus aquaticus e Crex crex.
  • Precisión ornitolóxica 5: *becada e *becacina.
  • Precisión ornitolóxica 6: lampareiro ou gavita para Haematopus ostralegus?

 

Nesta primeira imos abordar dúas cuestións que é ben telas presentes nas próximas precisións, onde xa nos imos centrar, como lemos no pequeno índice, en denominacións galegas dalgúns paxaros. Igualmente imos apuntar algunha bibliografía moi importante a respecto das denominacións galegas das aves, que nas seguintes precisións, acá e acolá, volverémola mencionar.

 

Ben, a primeira cuestión é:

 

  • Como se formulan os nomes que terán de considerarse estándares para as diferentes especies da avifauna?

 

A formulación dos nomes estándares específicos para a avifauna é un proceso con tres etapas que se suceden de igual modo para os outros grupos faunísticos. É un proceso que se dá no galego e deuse –ou dáse, continúa sempre vivo– en todas as linguas que se axeitan para seren usadas ao máis alto nivel nos contextos da zooloxía e da botánica. As tres etapas son as seguintes:

 

1º Compilación dos nomes populares que xa existen, vivos na lingua falada, para denominar os paxaros. A este respecto, un fenómeno habitual en todas as linguas é a variación local dalgunhas formas (por exemplo, en galego os nomes cirrioescirriobirrioxirrio irrio para Apus apus). Tamén é normal que dea a impresión de que hai unha confusión ou troco dos nomes populares das especies, de maneira que o mesmo nome (en galego, por exemplo, andarríos), segundo a zona, estea aplicado a paxaros ben diferentes (aínda que todos eles teñan en común que andan no río, neste caso). Isto non é impedimento para que moitos destes nomes sexan a base para a elaboración das denominacións estándares específicas, escollendo aqueles que son máis frecuentes ou que identifican máis claramente as aves ás que se refiren.

 

2º Elaboración das primeiras propostas con denominacións estándares para as diferentes especies da avifauna. Esta elaboración é necesaria non só pola variación e a confusión aparente que acabamos de apuntar, mais tamén porque as denominacións populares son moitas veces xenéricas (mazaricoescribentapilroferreiriño etc.), quere dicir, non temos nomes populares que diferencien por exemplo as varias especies de mazaricos, de escribentas ou de pilros. Isto acontece no galego e acontece en todas as linguas do mundo. Por iso nesta etapa do proceso formúlanse –ou “invéntanse”, se lle queredes chamar así– moitos nomes específicos, coa máxima sistematicidade posíbel e tendo presente todo o acervo lingüístico coñecido a respecto das denominacións das aves nesa lingua. Por exemplo, en italiano emprégase popularmente a voz gabbiano, gaivota, para facer referencia as especies do xénero Larus, e no ámbito da ornitoloxía especializada foi preciso formular gabbiano zafferano para denominar especificamente Larus fuscusgabbiano corso para Larus audouiniigabbiano corallino para Larus melanocephalus etc.

 

3º Reformulación das propostas iniciais. Aínda que poida parecer que é escusado diferenciarmos esta terceira etapa como tal, esta sempre existe, sempre se van puíndo e modificando as propostas iniciais. Ás veces é por culpa de se coñeceren novos nomes populares que resultan moito máis apropiados para algunhas aves; outras veces, porque a denominación proposta inicialmente non caracterizaba ben a especie e podía confundirse facilmente con outra semellante; ás veces, porque o primeiro nome proposto resultaba longo de máis ou mesmo latoso, difícil de lembrar etc.

 

Estas reformulacións no ámbito da ornitoloxía especializada, en principio, son un síntoma da vitalidade das linguas, un síntoma de que se anda a procurar o máximo xeito e precisión para esas denominacións. Así, en castelán, as rapinas que hoxe se chaman abejero europeo aguililla calzada, hai quince anos chamábanse halcón abejero águila calzada. En catalán, ao Netta rufina chamábaselle antes ànec de bec vermell, pato de bico vermello, e mesmo apareceu con ese nome na primeira edición en catalán da coñecida guía das aves de Peterson, Mountfort e Hollom; despois, aquel nome trocouse por xibec, a denominación desta ave no delta do Ebro, que se considerou que lle acaía mellor (e modificouse nas posteriores edicións en catalán da obra de Peterson et al.). De modo similar, a nova lista sistemática das aves de Portugal do ano 2007 reflicte a vontade dunha mellora na estandarización dos nomes portugueses das aves.

 

A segunda cuestión desta precisión, a máis importante, é:

 

  • Onde é que estamos, na lingua galega, a respecto da estandarización dos nomes específicos das aves? (Imos reparar nas tres mesmas etapas que acabamos de describir en xeral para todas as linguas, agora no caso concreto da lingua galega.)

 

1º Compilación dos nomes populares que xa existen, vivos na lingua falada, para denominarmos os paxaros. Xa no século XVIII, o Catálogo de voces y frases de la lengua gallega de Martín Sarmiento arrecadaba unha chea de nomes con que se designaban diferentes especies de aves. Igualmente, os vocabularios e dicionarios galegos dos séculos XIX e XX achegaron moitas denominacións dos paxaros que estaban tiradas do acervo lingüístico común (moitos destes traballos pódense consultar na rede grazas ao excelente proxecto Dicionario de dicionarios).
De modo particular, alá polas décadas dos anos 70, 80 e 90 do século pasado, publicáronse varios traballos lexicográficos específicos sobre os nomes das aves: Nomes galegos do Erithacus rubecula e do Troglodytes troglodytesNomes galegos das aves do xénero Streptopelia e ColumbaNomes galegos das aves piciformesNomes galegos das aves da familia Fringillidae, todos eles de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López; Nomenclatura das aves do concello de Ames, de Pedreira et al.; Denominacións galegas da curuxa, de E. Corral Díez; ou, en relación coas aves mariñas, Nomenclatura de la fauna y floras marítimas de Galicia, de M. C. Ríos Panisse. Outra recompilación lexicográfica destacada, xeral mais con moitas achegas no ámbito da ornitoloxía, foi Glosario das voces galegas de hoxe, coordinado por C. García González. Noutros casos, aínda que non se tratasen de traballos lexicográficos, achegábanse tamén denominacións locais dos paxaros, como na publicación Vertebrados da Limia: Dende a lagoa de Antela ós nosos días, de A. Villarino et al. ou noutro contributo deste mesmo autor incluído en Antela. A memoria asolagada (os detalles desta bibliografía toda apúntanse ao final da precisión).
Como acabamos de ver, por tanto, son moitos e bos os traballos feitos na nosa terra que recollen nomes populares ou locais dos paxaros. Con todo aínda ha de haber, de certo, máis denominacións vivas na nosa lingua das que xa se teñen publicado neses traballos.

 

2º Elaboración das primeiras propostas con denominacións estándares para as diferentes especies da avifauna. A primeira proposta para a estandarización de denominacións específicas para as aves galegas, cando menos para o seu uso no ámbito da ornitoloxía especializada, foi a Lista patrón de aves de Galicia, de Carlos Pedreira e Xosé Manuel Penas, que se publicou en dous números da revista Braña, boletín da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), nos anos 1977 e 1978. En liñas xerais, esta proposta divulgouse despois nos traballos e publicacións da SGHN.
Por outra parte Miguel Conde e Tiago Vidal, no ano 1991, presentaron o relatorio Nomes galegos para as aves ibéricas: unha nova proposta no primeiro congreso galego de ornitoloxía, que tivo lugar en Compostela. Nesta nova proposta tíñase presente a anterior feita por C. Pedreira e X. M. Penas (é bastante semellante), tíñase tamén en conta novos nomes populares dos paxaros que se foran coñecendo neses anos, recorríase ao portugués ás veces como fonte e ás veces como criterio orientativo no caso de múltiplas posibilidades de escolla en galego, e mudábanse algúns nomes estándares das aves da xa vella lista padrón por outros que poderían resultar máis adecuados. Esta proposta foi adoptada pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e tamén se recolleu con frecuencia en publicacións castelás onde se citan os nomes das aves noutras linguas do Estado español.
Para os efectos desta serie de precisións, é importante apuntarmos aquí que a partir da década dos anos 90 os dicionarios de galego –que neses anos comezaban a ser cada vez máis extensos e completos– incorporaron algúns destes nomes tan específicos, formulados por primeira vez para a lingua galega nalgunha das dúas propostas anteriores (peneireiro cincentopapuxa das amorasbilurico fino etc.). Como imos ver nas seguintes precisións, en xeral os equipos lexicográficos que elaboraron os dicionarios máis modernos non realizaron unha análise ou escolla rigorosa a respecto desas denominacións, simplemente copiáronas.

 

3º Reformulación das propostas iniciais. Nesta terceira etapa é onde nomeadamente estamos.
C. Pedreira e X. M. Penas, autores da mencionada Lista patrón de aves de Galicia, publicaron despois varias guías para a identificación das aves, ampliando e mellorando cada vez o contido da guía anterior (a última, Guía das aves de Galicia, no ano 2004, da editorial Baía). Nestas guías, por un lado, divulgáronse os nomes estándares específicos por eles inicialmente propostos, e por outro lado eles mesmos tamén os modificaron na procura dun maior xeito ou precisión. Ás veces un nome proposto naquela primeira lista padrón abandonábase definitivamente, pois era evidente que outra denominación resultaba máis clara, máis sistemática en relación a especies similares ou, mesmo, ante a dúbida da galeguidade dunha denominación, pasou a usarse outra para a que si existía a certeza de ser propiamente galega. Así, por exemplo, daquela primeira proposta (1977-1978), gansa ferruxenta somorgullo pequeno pasaron a denominarse respectivamente pato ferruxento (Tadorna ferruginea) e mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis).

 

Por outra parte, M. Conde publicou en 1999 o artigo Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada, onde facía unha revisión e actualización da súa proposta anterior.

 

Estas seis precisións ornitolóxicas e o meu traballo Os nomes galegos das aves –ao que se fai referencia na presentación da serie– queren ser unha achega máis para este proceso.

 

Silverio Cerradelo

 

 

 

Referencias bibliográficas mencionadas a respecto das denominacións galegas das aves:

 

CONDE TEIRA, M. A.; VIDAL FIGUEROA, T.A. (1991): “Nomes galegos para as aves ibéricas: unha nova proposta”, en FERNÁNDEZ-CORDEIRO, A.; DOMÍNGUEZ, J. (edit.): Actas do primeiro congreso galego de ornitoloxía. USC, Santiago de Compostela.

 

CONDE TEIRA, M. A. (1999): “Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada”. Chioglossa, vol.1, pp. 121-138. Grupo Naturalista Hábitat.

 

CORRAL DÍAZ, E. (1985): “Denominacións galegas da curuxa”. Verba, vol. 12, pp. 183-197. USC, Santiago de Compostela.

 

GARCÍA GONZÁLEZ, C. (1985):“Glosario das voces galegas de hoxe”. Verba, anexo 27. USC, Santiago de Compostela.

 

PEDREIRA LÓPEZ, C.; COSTOYA HERNÁNDEZ, M. I.; LÓPEZ PÉREZ, F.; OTERO SOENGAS, G. (1990): “Nomenclatura das aves do concello de Ames”. Verba, vol. 17, pp. 117-144. USC, Santiago de Compostela.

 

PEDREIRA LÓPEZ, C.; PENAS PATIÑO, J. M. (1977): “Lista patrón de aves de Galicia”. Braña, Bol. Soc. Galega Hist. Nat., n.º 1.

 

PEDREIRA LÓPEZ, C.; PENAS PATIÑO, J. M. (1978): “Lista patrón de aves de Galicia”. Braña, Bol. Soc. Galega Hist. Nat., n.º 2.

 

PENAS PATIÑO, J. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C. (1975): “Nomes galegos do Erithacus rubecula e do Troglodytes troglodytes”. Verba, vol. 2, pp. 295-305. USC, Santiago de Compostela.

 

PENAS PATIÑO, J. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C. (1976): “Nomes galegos das aves do xénero Streptopelia e Columba”. Verba, vol. 3, pp. 347-356. USC, Santiago de Compostela.

 

PENAS PATIÑO, J. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C. (1977): “Nomes galegos das aves piciformes”. Verba, vol. 4, pp. 343-354. USC, Santiago de Compostela.

 

PENAS PATIÑO, J. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C. (1980): “Nomes galegos das aves dafamilia Fringillidae”. Verba, vol. 7, pp. 355-377. USC, Santiago de Compostela.

 

PENAS PATIÑO, X. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C.; RODRÍGUEZ SILVAR, C. (1980) : Guía das aves de Galicia. Galaxia, Vigo.

 

PENAS PATIÑO, X. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C.; RODRÍGUEZ SILVAR, C. (1991): Guía das aves de Galicia. Baía, A Coruña.

 

PENAS PATIÑO, X. M.; PEDREIRA LÓPEZ, C.; RODRÍGUEZ SILVAR, C. (2004): Guía das aves de Galicia. Baía, A Coruña.

 

RÍOS PANISSE, M. C. (1983): “Nomenclatura de la fauna y floras marítimas de Galicia. II Mamíferos, aves y algas”. Verba, anexo 19. USC, Santiago de Compostela.

 

SARMIENTO, M. (1746-1755): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega. Ed. de J. L. Pensado Tomé (1973), Universidad de Salamanca.

 

VILLARINO, A.; GONZÁLEZ, S.; BÁRCENA, F. (2002): Vertebrados da Limia: Dende a lagoa de Antela ós nosos díasI-Aves: Gaviiformes a Piciformes. Limaia, Sandiás (Ourense).

 

VILLARINO GÓMEZ, A. (1997): “Da cigoñeira á fonte da bubela”, en MARTÍNEZ CARNEIRO, X. L.: Antela. A memoria asolagada. Xerais, Vigo.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.