139. Cargar un coche cun enchufe: as "electrolineiras".
Hai uns poucos días a Xunta de Galicia anunciou que esta comunidade ha ser a primeira en regular as infraestruturas e os puntos de recarga destinados aos vehículos eléctricos. Nesa información -que foi rapidamente difundida por diversos medios de comunicación- empregábase o termo electrolineira, que nos parece merecente dunha análise valorativa antes de que se estenda o seu uso e se converta nunha palabra galega de facto.
Con ese nome faise referencia tanto aos puntos que fornecen electricidade para realizar recargas rápidas en vehículos eléctricos como ás infraestruturas que agrupan varios deses puntos, tal e como hoxe fan as estacións de servizo convencionais. Pero a súa presenza en galego parece deberse en boa medida á existencia previa do castelán electrolinera, se temos en conta que as palabras empregadas noutras linguas seguen unha liña totalmente diferente -e bastante paralela- (EN: charging station, FR: borne de recharge, PT: ponto de carregamento, CT: punt de recàrrega).
Por iso, o que para o castelán se louva como unha mostra de creatividade lingüística que evita copiar termos ingleses ou franceses, para o galego é só outro exemplo de castelanismo directo (se interpretamos que electrolineira é unha tradución de electrolinera) ou indirecto (se o entendemos como unha copia do mecanismo empregado en castelán para crear a nova palabra a partir de electricidad e gasolinera).
Pero os problemas que lle atopamos a electrolineira non son só formais, senón tamén conceptuais. Cando esa palabra alude aos puntos en que se realiza a recarga de electricidade, desmóntase o paralelismo que parecía buscarse cos puntos de subministración de hidrocarburos, xa que estes reciben o nome de surtidor, non de gasolineira.
Logo do dito ata aquí, pensamos que debemos evitar o emprego de electrolineira para designar os puntos de recarga de electricidade empregados polos vehículos eléctricos. E iso tanto por razóns formais (evitar a implantación doutro castelanismo máis) como conceptuais (se queremos establecer un palalelismo coa recarga de hidrocarburos, existen mellores alternativas). No seu canto poderíase usar surtidor de electricidade, que vincula este novo dispositivo cos xa existentes nas gasolineiras actuais, ou punto de recarga, que segue mesmo padrón ca as linguas da nosa contorna. |