Skip to main content

135. Máquinas que furan gabias: zanxadoras?

Un idioma preciso

Boa parte da maquinaria que se emprega nas obras públicas conta con nomes ben asentados en galego. Retroescavadorasmotoniveladorasformigoneirasbulldózers e outro equipamento industrial aparecen citados con profusión en dicionarios, documentos legais e técnicos. Así e todo, a forma de referirse a outras máquinas aínda segue espertando dúbidas e provocando consultas en relación ao nome máis apropiado para elas. Nun deses casos dubidosos imos fixarnos hoxe.

 

En castelán coñécese como zanjadora (ou trincheradora) unha máquina como a que se pode ver na imaxe, empregada para abrir gabias continuas de tamaños diversos en espazos abertos, grazas a unha cinta semellante a unha eiruga que vai arrincando a terra e aliñando o fondo e os laterais do foxo.

 

 

Non nos parece que ningún deses dous modelos poida aproveitarse para construír a denominación galega. Por un lado, tanto zanja, como a súa versión agalegada (zanxa) son desaconselladas pola Real Academia Galega, que propón empregar no seu canto gabia; polo outro, aínda que trincheira si se considera un nome correcto en galego, en realidade designa un tipo de foxos diferentes, basicamente de maior anchura.

 

Por ese motivo, temos que observar por qué opcións se optou nas linguas veciñas para referirse a esta máquina, pois algunha delas pode servirnos de modelo para o caso galego:

 

PT: abre-valasescavadora de valasvaladora

 

EN: ditcher; ditchdiggertrencher

 

FR: trancheuse

 

Como vemos, todas elas parten do substantivo que designa en cada lingua o foxo que abre a máquina, e a partir del constrúese unha nova palabra, ben a través dun sufixo (valadoraditchertrenchertrancheuse...), ben formando un composto (abre-valasditchdigger...).

 

Calquera deses dous procedementos podería aplicarse no caso galego: o primeiro levaríanos a unha forma como gabiadora (partindo de gabia e de gabiar), e por medio do segundo construiriamos un substantivo como abregabias, seguindo un modelo tamén empregado na designación doutras ferramentas e máquinas (abrebocasabrecartasabrelatas...).

 

Calquera delas -ou aínda unha máis descritiva como escavadora de gabias- é preferible a calcar o nome castelán, xa que os resultados desta práctica (*zanxadoraou *trincheiradora) son inadecuados desde o punto de vista lingüístico ou desde o conceptual.
The contents of this page were updated on 11.16.2023.