Skip to main content

134. Agardando a vez para mandar: as "presidencias de quenda"

Un idioma preciso

Desde que comezou este ano 2010 unha das noticias recorrentes nos medios de comunicación foi o comezo da Presidencia española da Unión Europea, algo que -como veremos- tamén nos vai interesar desde o punto de vista terminolóxico.

 

Durante o primeiro semestre deste ano o Estado español vai ocupar a Presidencia do Consello da Unión Europea, logo de que Suecia o fixese no segundo semestre de 2009, e antes de pasarlle o testemuño a Bélxica cando remate o mes de xuño. Este cargo outórgalle a quen o ocupa a responsabilidade de organizar e dirixir durante ese período os traballos desa institución, establecendo prioridades, fixando as ordes do día e dirixindo os debates das reunións do Consello e dos seus órganos subsidiarios.

 

Como acabamos de apuntar, trátase dun tipo de presidencia peculiar, pois nela vanse alternando en función dunha orde establecida todos os membros (neste caso, os estados) da institución. En castelán, os medios de comunicación adoitan designalas como presidencia de turno, expresión que se está copiando literalmente para trasladala ao galego como presidencia de quenda.

 

E aquí chegamos por fin ao problema terminolóxico: esta expresión fai renxer as estruturas do galego pois de quenda non se usa entre nós como locución adxectiva -o que si ocorre co castelán de turno. De feito, no Dicionario castelán-galego da RAG recoméndase de servizo como equivalente galego desa expresión, aínda que o exemplo que acompaña a entrada (O médico que estaba de servizo aconselloulle que acudise a un especialista) revela que o concepto que está detras desta denominación é un distinto do que aquí nos ocupa.

 

Se as principais linguas oficiais da UE empregasen unha denominación paralela ao presidencia de turno, poderíase xustificar a necesidade de 'forzar as costuras' do galego para integrarse nesa corrente. Pero a realidade vai no sentido contrario: eses idiomas optan por formas como présidence tournante (francés), rotating presidency (inglés) ou presidência rotativa (portugués) que permiten recomendarmos en galego expresións vivas como presidencia rotatoria ou presidencia rotativa que encaixan moito mellor nas estruturas da lingua e que se insiren nesa mesma liña; unha liña que tamén se pode documentar en castelán (presidencia rotatoria).

 

Despois de todo o apuntado, pensamos que en galego debemos evitar o emprego da expresión presidencia de quenda, e optar por calquera das dúas alternativas apuntadas: presidencia rotatoria ou presidencia rotativa.
The contents of this page were updated on 11.16.2023.