133. Novos títulos para novos estudos: maior e minor
A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior no sistema universitario español non só está provocando grandes cambios na estrutura e na organización dos plans de estudos ou na práctica docente, senón que tamén está popularizando entre nós toda unha serie de termos relacionados con eles (grao, posgrao, máster...).
Hoxe queremos centrarnos en dous menos coñecidos que -se cadra por iso- provocan certas dúbidas á hora de escribilos. Referímonos a maior e a minor: dous tipos de agrupación de créditos que poden organizarse dentro dos estudos de grao, e que lle permiten ao alumnado planificar estratexicamente a súa traxectoria curricular, obtendo -e acreditando, a través do Suplemento Europeo ao Título- formación e competencias sobre dúas áreas distintas: unha sobre o obxecto nuclear da titulación que cursa, de nivel máis avanzado (o maior), e outra centrada nunha área complementaria da anterior, que se trata cun nivel menor de especialización (o minor).
Ambas as dúas denominacións importáronse para o ámbito europeo desde o sistema universitario estadounidense (major / minor), quen pola súa parte reaproveitou os nomes do latín. Despois desa viaxe de ida e volta, hoxe en día úsanse con normalidade en varias linguas europeas. Posiblemente sexa esa historia tan viaxeira a que explique algunhas das súas particularidades formais:
- Tanto unha como outra pronúncianse como palabras graves (as vogais tónicas son -a- e -i- respectivamente), igual ca en inglés ou no latín orixinal.
- A pesar de seren palabras graves rematadas en -r non se marcan con til as súas vogais tónicas. Debemos ter en conta que a normativa ortográfica do galego limita a acentuación dos estranxeirismos aos casos en que estes son "de circulación corrente". E na nosa opinión, maior e minor con cumpren ese requisito, tanto pola súa recente incorporación á lingua como por empregarse nun ámbito especializado moi restrinxido.
- Xa que logo, para marcar o seu carácter de denominacións doutra lingua aínda sen adaptar ás pautas do galego, sería aconsellable grafalas con cursiva.
Como resumo de todo o que acabamos de apuntar dedúcese que a forma máis acaída de grafar esas dúas palabras sería maior e minor. A medida que o seu emprego se vaia xeneralizando (e se vaia acadando a "circulación corrente" de que fala a normativa, probablemente vaiamos atopando cada vez máis as súas variantes con til (máior e mínor) -daquela xa sen cursiva-, igual que na actualidade escribimos ídem, ítem, máster ou súmmum, por citar algúns exemplos. |