Skip to main content

130. Ofertas e demandas elásticas

Un idioma preciso

A palabra elasticidade non só designa un concepto do ámbito da física, senón que tamén se manexa no mundo da economía, co significado de 'coeficiente resultante do cambio proporcional detectado nunha variable económica con respecto ao detectado noutra'. Hoxe queremos fixarnos no nome que se lles dá en galego a algúns subtipos de elasticidade.

 

Basicamente, distínguense dous: a elasticidade da demanda -ou da procura-, definida como a medida da sensibilidade da cantidade demandada a unha serie de elementos que a determinan, e a elasticidade da oferta (medida da sensibilidade da cantidade ofertada a eses mesmos determinantes). As denominacións empregadas en galego coinciden case literalmente coas das linguas veciñas1, pero as nosas dúbidas xorden ao ver algunhas formas que se constrúen a partir destas.

 

Elasticidade da demanda

 

Referímonos a casos como elasticidade prezoelasticidade renda ou elasticidade prezo cruzada, aplicados tanto á demanda como á oferta, que nin encaixan ben nos padróns sintácticos da lingua galega nin son transparentes á hora de describir as características básicas dos conceptos que nomean.

 

Así, resulta estraña esa unión de dous substantivos sen elementos de conexión entre eles e sen que ningún dos dous funcione como un adxectivo; pero ademais, o significado que se pretende transmitir (o 'grao en que a cantidade demandada ou ofertada dun ben responde a unha variación do seu prezo, da renda dos consumidores, ou do prezo doutro produto', respectivamente) queda escurecido pola forma elixida para vehiculalo.

 

Calquera delas parece ser só unha translación case automática dos nomes ingleses2 (price elasticity of demand/of supplyincome elasticity of demand/of supplycross price elasticity of demand/of supply) que esquece que o primeiro elemento (priceincomecross price) actúa sobre o concepto previo elasticity of demand/elasticity of supply, e non só sobre unha das súas partes.

Por iso, lingüisticamente serían moito máis acaídas denominacións en que se reflectise claramente que os factores condicionantes sono dun termo xa consolidado (elasticidade da oferta ou elasticidade da demanda), o que faría que fosen tamén moito máis descritivas á hora de amosar as características básicas do concepto que nomean. Pensamos en alternativas como:

elasticidade da oferta/demanda segundo o prezo (ou en función do prezo)

elasticidade da oferta/demanda segundo a renda (ou en función da renda

- elasticidade da oferta/demanda cruzada (oucruzada segundo o prezo)
 

Ou aínda formas como elasticidade demanda-prezo (ou demanda-renda) ou elasticidade oferta-prezo (ou oferta-renda) que, con formas máis sintéticas, poñen de manifesto a relación condicionante que existe entre os dous elementos que determinan a existencia ou inexistencia de elasticidade.

 

----------------------------------

 

[1] Así, podemos atopar para o primeiroelasticity of demand (EN), elasticidad de la demanda (ES), élasticité de la demande (FR) ou elasticidade da procura (PT); e para o segundo elasticity of supply (EN), elasticidad de la oferta (ES), elasticité de l'offre (FR) ou elasticidade da oferta (PT).

 

[2] Algo que -por outra parte- tamén fan outras linguas: elasticidad precio de la demandaelasticidade preço da procuraélasticité prix de la demande...

The contents of this page were updated on 09.09.2024.