Skip to main content

114. E despois da colisión, o mundo non acabou...

Un idioma preciso

A pesar das advertencias dalgúns agoiradores, a fin do mundo non chegou o 10 de setembro pasado, no momento en que o acelerador de partículas coñecido como LHC, se puxo en funcionamento nas súas instalacións do subsolo da contorna de Xenebra.

E xa que seguimos aquí, teremos que pensar cómo lle chamamos en galego ao tal dispositivo, coñecido en inglés como Large Hadron Collider. Esta denominación foi aceptada e adaptada ás súas particularidades polas demais linguas, de modo que hoxe se fala do Gran colisionador de hadrones en castelán, do Grand collisionneur de hadrons en francés, ou do Grande colisor de hádrons / Grande colisionador de hadrões en portugués1.E en galego o procedemento debería ser o mesmo: reproducir segundo as regras propias do galego a denominación inglesa.

Se aplicamos ese principio, temos que comezar desbotando unha forma moi viva na documentación real, como é *Gran colisionador de hadróns. Isto é así porque a RAG aconsella evitar o emprego do verbo *colisionar -e en consecuencia das palabras que derivan del, como *colisionador-, e substituílo por colidir. Xa que logo, o substantivo que precisamos temos que xeralo partindo dese verbo, ou do substantivo que del deriva (colisión).

Agardando a fin do mundo?
No primeiro dos casos, o máis coherente desde o punto de vista lingüístico sería recorrer a un sufixo como -dor para xerar o substantivo colididor. Pero a súa presenza espontánea na lingua é mínima.

De optarmos por partir de colisión, cumpriría imitar o padrón que se infire de series derivativas como as seguintes:

- agredir > agresión > agresor
- decidir > decisión > decisor
- dividir > división > divisor
- evadir > evasión > evasor
- difundir > difusión > difusor
- infundir > infusión > infusor
...
o que nos levaría a un colisor (colidir > colisión > colisor), coincidente con unha das variantes portuguesas e bastante presente na documentación.

Neses textos reais tamén podemos rexistrar o uso da forma colidor ("colidor de hadróns"). Pero pensamos que é preferible optar por calquera das dúas posibilidades devanditas, xa que esta non parece respectar as pautas que o galego adoita seguir á hora de formar derivados, e ten un parecido moi sospeitoso co inglés collider.

En conclusión, tanto colididor como colisor son alternativas válidas para designar o acelerador de partículas do que estamos a falar (Gran colididor de hadróns ou Gran colisor de hadróns). Pero argumentos como a súa concordancia coa forma máis habitual en portugués, e a súa maior presenza na documentación apoian unha preferencia pola segunda delas.

 

----------------------------------

[1] A primeira denominación é a preferida nos documentos brasileiros -e a máis frecuente cuantitativamente-, mentres que a segunda é a maioritaria en portugués europeo.

The contents of this page were updated on 09.09.2024.