113.- Só pode haber pragas de insectos?
Xa non é nin a primeira, nin a segunda, nin a terceira vez que falamos aquí da necesidade de que os termos propostos para unha disciplina científica sexan precisos, se queremos que os profesionais dela os empreguen na comunicación técnica; e de como algúns dicionarios galegos recomendan solucións que atentan contra a necesaria precisión da terminoloxía establecendo equivalencias que poden ser acaídas para os niveis comúns da lingua, pero que non son tal en ámbitos especializados.
Hoxe temos que volver a traer aquí esta cuestión en relación co tratamento que unha obra de referencia como é o Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega lle dá á 'substancia ou mestura de substancias, orgánicas e/ou inorgánicas destinadas a previr ou controlar calquera especie daniña para as plantas cultivadas, as especies forestais ou os animais domésticos'. Esta substancia recibe en castelán o nome de plaguicida ou pesticida, e no traballo que acabamos de citar ofrécense como equivalentes galegos praguicida e insecticida, respectivamente.
Esta suposta equivalencia entre parécenos imposible de defender, por moito que veña "avalada" pola autoridade da RAG, xa que no ámbito da patoloxía vexetal pesticida ou praguicida1 ten un alcance moito máis amplo ca insecticida, xa que se refire a 'todos os compostos deseñados para eliminar plantas, fungos ou diversos grupos de animais que se consideran prexudiciais para as plantas cultivadas, as especies forestais ou os animais domésticos, e que reciben nomes diversos o grupo de especies que combatan (bactericidas, funxicidas, herbicidas, insecticidas, nematicidas, virucidas...).
No mesmo sentido que aquí defendemos apunta tamén a lexislación oficial, como podemos ver neste Real decreto. No seu Anexo V ("Tipos e descrición dos biocidas a que se refire a letra a) do artigo 2 deste real decreto") recóllese un "Grupo principal 3: Praguicidas", e no seu interior ("Tipo de produto 18") é onde se sitúan os insecticidas.
Este mesmo texto legal introduce outro concepto neste ámbito, que tamén deberiamos situar no lugar adecuado. Trátase dos biocidas, definidas como 'as substancias activas e preparados que conteñan unha ou máis substancias activas, presentados na forma en que son subministradas ó usuario, destinadas a destruír, contrarrestar, neutralizar, impedi-la acción ou exercer un control doutro tipo sobre calquera organismo nocivo por medios químicos ou biolóxicos'. Trátase, pois, dun concepto máis xenérico ca praguicida, tanto nos organismos sobre os que actúa ('calquera organismo nocivo' vs 'pragas') como polos métodos de control, que non se limitan á morte do organismo daniño.
En resumo, estamos diante de tres conceptos de amplitude diferente, de tal forma que o máis específico pode considerarse un subtipo do máis xenérico (insecticida de praguicida, e este de de biocida), pero en ningún caso é adecuado tratar os dous primeiros como se fosen sinónimos, por moito que esta equivalencia se avale desde unha fonte normativa. |
----------------------------------
[1] Entre estas dúas denominacións pensamos que é preferible potenciar o emprego de praguicida, a pesar de que nalgúns vocabularios ambas se presenten ao mesmo nivel, xa que pesticida non figura no VOLGa e é, probablemente, un calco do inglés pesticide (nesta lingua pest designa a mesma realidade que nós coñecemos como praga).