105. O meu can viste con capa
Un dos elementos máis relevantes á hora de describir exteriormente un animal é o seu pelame (forma, tamaño, grosor, cor básica, presenza ou non de manchas e marcas…).
Pero mentres os zoólogos adoitan designalo como pelaxe ou pelo (ES: pelaje; EN: pelage) entre os veterinarios é frecuente establecer unha distinción entre esta denominación e a capa, entendida esta como a ‘pelaxe dun animal, especialmente das razas de interese gandeiro, vista desde o punto de vista da cor’. É este concepto –e a palabra que o nomea– os que nos van ocupar na precisión de hoxe.
Desde un punto de vista conceptual, pode parecer unha distinción estraña: a determinación da cor do pelo dun animal pode facerse perfectamente engadindo o adxectivo correspondente ao substantivo xenérico pelaxe (pelaxe alazá, pelaxe ruana, pelaxe rubia…) igual que se fai cando se describen outras partes do corpo, como a pel, ou cando falamos da cor do pelo dos seres humanos.
Pero tamén é certo que esta diferenciación –e o uso de capa– non é simplemente unha especificidade do castelán que o galego importa xa que, ademáis de nesta lingua (capa), tamén existe en inglés (coat) e francés (robe), empregando incluso denominacións do mesmo campo semántico. Aínda así, tampouco se pode afirmar que ese modelo sexa unánime no noso contorno, pois outras linguas non recorren a el e empregan unicamente o substantivo xenérico (pelagem en portugués ou pèl; pelatge en catalán).
Se viramos os ollos cara ao galego, a tanto a documentación técnica destes últimos anos, como os textos legais a ela vinculados viñan mantendo esa distinción, tamén recollida no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde.[1] Pero a RAG, a través do seu Dicionario castelán-galego, optou por desaconsellar explicitamente este uso, e establecer unha equivalencia entre capa e cor.[2]
Esta decisión resúltanos un pouco sorprendente. Se se decidiu non asumir a forma máis asentada no uso (capa) por considerala un castelanismo, parecería lóxico optar como alternativa por pelaxe, denominación viva en galego e harmónica co portugués, antes ca por cor. O uso deste último substantivo aparta o galego das vías seguidas por calquera das linguas veciñas e amósase como ambiguo cando o acompañan adxectivos que non designan estritamente unha cor (cor tricolor?, cor xaspeada?, cor ruana?, cor pinta?…)
Por iso, neste caso a nosa proposta final opta por respectar o esencial da decisión da RAG (desaconsellar o emprego de capa en galego), pero defende o uso de pelaxe no seu canto (pelaxe tricolor, pelaxe xaspeada, pelaxe ruana, pelaxe pinta…) . |
----------------------------------
[1] Alí defínese capa como ‘Pelaxe dun mamífero, especialmente no que respecta á cor’.
[2] A acepción concreta é a seguinte:
capa s.f. […] 6. (color de los caballos y otros animales) cor. Montaba un caballo de capa blanca. Montaba un cabalo de cor branca.