Skip to main content

102. Cando os webs se sindican... poden ir á folga?

Un idioma preciso

Ao escoitar en galego, unha palabra como sindicato, ou algunhas das súas derivadas (sindicalsindicarsindicación…), relacionámolas de forma case inmediata co ámbito das relacións laborais, coa organización dos traballadores para a defensa dos seus intereses e coa creación de estruturas que sirvan para esa defensa.

Porén, unha simple busca amósanos que algunhas delas están sendo empregadas na práctica cun sentido totalmente diferente, vinculado ao ámbito da Internet e ás tecnoloxías que permiten o seu desenvolvemento.

Neste contorno, fálase de sindicación (ou de sindicación web) para referirse a unha forma de redifusión de información pola cal un web, un blog, etc. ofrecen unha parte dos seus contidos para que sexan reutilizados por outros usuarios, ben empregando algún tipo de licenza, ben –con máis frecuencia– ofrecendo versións actualizadas deles nun formato que facilita a súa integración noutros produtos usando determinados programas.

Este novo valor de sindicación non pode xustificarse como unha evolución do seu significado “clásico” en galego, e si como un anglicismo: a súa orixe non estaba nos sindicatos galegos, senón nos syndicates [1] do inglés. Son estes un tipo de entidades que se dedican á venda de artigos, fotografías e outros materiais a diversos medios de comunicación para a súa publicación simultánea. Xa que logo, a syndication sería o acordo comercial que se realiza entre os syndicates e os medios que finalmente van publicar eses materiais. Como os trazos básicos dese concepto son os mesmos ca os da redifusión na Internet que nos ocupa, a denominación ‘ expórtase’ a este ámbito para converterse en web syndication.

Como en galego os syndicates ingleses se coñecen como axencias de noticias é imposible xustificar unha evolución semellante que nos acabase levando á sindicación. A súa presenza entre nós só pode verse como un falso amigo, no que o parecido formal entre as dúas palabras facilita que á galega se lle asigne un sentido (o que posúe a inglesa) que non nos parece adecuado[2] xa que distorsiona a súa relación coas outras formas da mesma familia (sindicatosindicarsindical…) .

Denominacións alternativas que describen razoablemente ben o proceso e non crean ningún dos inconvenientes citados poderían ser distribución ou redistribución (que enfocan o concepto desde o punto de vista de quen produce os contidos que se van difundir), subscrición ou abonamento (que o miran desde a perspectiva de quen os vai reutilizar).

Pensamos que este último enfoque –e as denominacións a el vinculadas– é o máis acaído, pois é o potencial receptor quen decide se aproveita ou non os contidos dun blog ou dun web determinados e, en caso afirmativo, quen realiza os pasos técnicos precisos para poder recibilos automaticamente.[3] O resultado dese proceso é moi semellante ao dunha subscrición convencional: o abonado recibirá, poderá ler e integrar noutros medios as novidades que vaian aparecendo nos distintos sitios aos que se subscribira sen necesidade de acceder directamente a eles.

 

----------------------------------

[1] As organizacións de traballadores coñécense nesta lingua como trade union ou labor union.

[2] Tamén para outras linguas se poden ler opinións contrarias a esta utilización.

[3] Normalmente empregando un tipo específico de programa informático, denominado agregador.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.