100. Unha copa –con xeo– para celebrar o centenario
Quen nolo ía dicir! Pois aquí estamos. Palliña a palliña foise facendo este palleiro que hoxe chega ao número 100. Ben, realmente ao 101, porque arrincamos de cero.
E haberá que tomarlle un algo para celebralo, non si? Pero con este outono tropical que nos tocou en sorte, aínda cómpre arrefriar a bebida cuns cubos de xeo,[1] así que imos buscalos cunha… cubiteira!? Parece que non, verdade? Se acabamos de desbotar a forma *cubito, parece que todas as que deriven dela teñen que ir polo mesmo camiño. Toca logo buscar unha alternativa!
Empecemos por ver se a Academia ten opinión ao respecto… Pois si; no Dicionario de 2004 din que o nome galego que equivale ao castelán cubitera é… recipiente para facer cubos de xeo! ou recipiente para servir cubos de xeo! Realmente, hai que recoñecer que as denominacións son moi descritivas (tanto, que son definicións completas), pero imposibles de empregar en situacións reais de uso.[2]
Non queda outra máis ca seguir buscando. Os dicionarios galegos que puidemos consultar –que non foron todos, claro– non recollen explicitamente un nome para ese concepto, así que imos ter que arriscarnos nós a lanzar unha proposta.
En realidade, terán que ser dúas, xa que o castelan cubitera designa por un lado os recipientes en que os cubos se serven (baldes de gelo -PT-, ice buckets ou ice pails -EN, seaux à glace -FR- ou glaçoneras -CT-); e por outro aqueles en que se forman (cuvetes de gelo ou formas de gelo -PT-, ice trays -EN-, bacs à glaçons -FR- ou glaçoneras -CT-).
Vendo a liña pola que optan maioritariamente as linguas do noso contorno, pensamos que en galego tamén deben propoñerse denominacións diferentes para estes dous obxectos –pois é evidente que son ben diferentes.
Para o primeiro deles, a busca da harmonización co portugués parece aconsellar o emprego de balde do xeo. Pero esa escolla ten un problema: entre nós balde adoita designar recipientes de tamaño maior ca o que aquí nos ocupa. Por iso, acabamos por concordar coa alternativa proposta no Foro –grazas, Xoaquín– que defende a idoneidade de cubeta do xeo, xa que as definicións dese substantivo fan sempre referencia ao seu pequeno tamaño.
Para o obxecto en que os cubos de xeo se forman, pensamos que a mellor elección sería bandexa de cubos ou bandexa de xeo. Calquera delas descríbeo de forma moi transparente, harmoniza coa forma inglesa, e emprega un substantivo (bandexa) que se emprega a nivel oral para referirse a ese concepto.
Resumindo, para preparar a copiña de celebración haberá que coller unha cubeta do xeo e botar nela os cubos que sacaremos da bandexa de cubos do conxelador. E agora si: graciñas por estardes dese lado da pantalla e… de hoxe nun ano! |
----------------------------------
[1] Este (ou pedra de xeo, nun nivel máis coloquial) son os nomes que lle damos en galego aos ‘pequenos fragmentos de xeo, normalmente de forma cúbica, que se empregan para arrefriar unha bebida’. Xa que logo, debemos evitar tanto os *cubitos do castelán como a súa tradución automática por *cubiños.
[2] Probade a incluír calquera delas nunha frase calquera e veredes que o seu tamaño fainas inutilizables. (“Dille a Xesús que traia do aparador catro copas e o recipiente para servir cubos de xeo”.)