Skip to main content

98. Máis anglicismos superfluos: as newsletters

Un idioma preciso

Son xa bastantes as precisións que levamos dedicadas a comentar palabras inglesas que dificilmente van atopar encaixe na norma do galego dadas as dificultades que cómpre vencer á hora de escribilas ou pronuncialas.

Formas como e-learningscreeningfeedbackbullying. comportan unhas combinacións de letras e sons que resultan anómalas para os nosos hábitos ortográficos e fonéticos; e amais, en moitos casos compiten cunha denominación galega preexistente que designa un concepto practicamente idéntico.

Outro exemplo que engadir a esa lista pode ser newsletter,[1] a protagonista das liñas que seguen. Esta palabra designa en inglés -e con frecuencia tamén en galego- unha 'publicación seriada (coma esta ou esta) formada por non máis dunhas poucas páxinas, dedicada a novas, anuncios e información de interese dirixida a un grupo especializado de subscritores ou membros dunha asociación ou organización, os cales a reciben polo simple feito de selo'.

A dificultade que as linguas románicas teñen para "dixerir" ese anglicismo ponse de manifesto en que na maioría delas se recomendan denominacións alternativas (PT: boletim informativo; ES: boletín de información; FR: lettre d'information ou lettre de diffusion).

Nos dicionarios e vocabularios técnicos galegos tamén atopan propostas que apuntan nesa mesma dirección: o Léxico informático inglés-galego, por exemplo, aconsella usar carta informativa, e o glosario do Centro de Competencias en Comercio Electrónico propón boletín de noticias.[2]

Nós pensamos que intentar suplantar o anglicismo é o camiño máis atinado, basicamente polas razóns xa indicadas, pero tamén porque o seu grao de implantación e difusión en galego é abondo pequeno como para que a substitución teña posibilidades de éxito.

Á hora de optar por unha forma alternativa, pensamos que boletín (informativode noticias, de empresa. segundo os contextos) describe moito mellor ca "carta" as características básicas dese tipo de publicación. E se por riba resulta que esta escolla nos achega ás linguas románicas veciñas, pois. mel nas filloas!

 

----------------------------------

[1] Se intentamos ler o que está escrito segundo as convencións do galego, oiriamos algo como "nevsléter"; e se intentamos transcribir a pronuncia 'canónica' do anglicismo, resultaría unha palabra como *niusleta.

[2] Nalgunha páxina de empresa fálase de boletín periódico.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.