Skip to main content

84. Cosmopolitas do Deza: o Lalín Arena

Un idioma preciso

Imos comezar o ano escribindo sobre léxico deportivo. E imos facelo con humor, porque o caso en cuestión –a idea do Concello de Lalín de bautizar o seu novo pavillón multiusos como Lalín Arena– non dá para moitas argumentación serias.

Unha mostra de cosmopolitismo tal permite que esta vila se equipare, por exemplo, coa maioría das cidades que acollen equipos da NBA –que tamén denominan arena aos seus recintos deportivos cubertos. Pero desde o punto de vista lingüístico presenta dous ‘pequenos’ inconvenientes:

  • Que sendo arena unha palabra común a inglés, galego e castelán, o seu significado non é o mesmo. Mentres en inglés designa un gran espazo cerrado e cuberto que se pode empregar para todo tipo de espectáculos e actividades deportivas, para nós (e para o castelán) o seu valor restrínxese ao espazo en que se celebraban ou celebran espectáculos moito máis violentos, como as loitas de gladiadores ou as corridas de touros.

    Xa que logo, a non ser que a vontade do Concello sexa darlles panem et circenses en sentido estrito aos seus concidadáns, non parece que un nome tan “sanguinario” como arena lles acaia moi ben aos espectáculos incruentos (balonmán, voleibol, fútbol sala, baloncesto…) que alí terán lugar.

  • Pero é que aínda que arena fose unha palabra apropiada para designar un pavillón multiusos en Galicia, a expresión “Lalín Arena” é moi respectuosa coa sintaxe do inglés pero tritura tanto a do galego como a do castelán, xa que o núcleo da frase (“arena”) debe antedecer ao elemento que o concreta (“Lalín”). Sería algo así como pretender chamarlle Da Vila Square (ou Da Vila Praza) á praza principal, ou Joaquín Loriga Street a unha das súas rúas.

Xa que logo, mentres non vexamos carreiras de cuadrigas, loitas contra leóns, ou a Jesulín de Ubrique toureando nos nosos recintos deportivos, é mellor seguir referíndose a eles como pavillóns ou pavillóns multiusos; e intentar facer alarde de cosmopolitismo en situacións onde non sexa tan doado de confundir con vaidades de novo rico.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.