Skip to main content

83. Anchoas de a metro

Un idioma preciso

Sempre me pareceu curiosa a decisión da nosa Academia de rebautizar aos bocareos como anchoas a partir do momento en que os metemos nun cadaleito de latón. Ben sei que ese cambio de nome da materia prima á preparación gastronómica é frecuente no ámbito da culinaria, pero cadaquén ten as súas teimas.

O que xa me parece excesivo é que no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos nos aconsellen chamarlle anchoa á especie Pomatomus saltatrix. Se consultamos algunha descrición zoolóxica (tamaño máximo: 120 cm; peso máximo: 14 kg) parece que os conserveiros van ter que cambiar o tamaño das latas.

Evidentemente, estamos perante dúas especies totalmente distintas: o noso bocareo coñécese taxonomicamente como Engraulis encrasicolus, e non resiste a comparación en pesos e medidas. Por iso, non parece moi boa idea que dous peixes tan distintos compartan denominación; sobre todo cando está tan divulgada coma neste caso.

Confírmanos nesta opinión o feito de que as linguas do noso contorno diferencien esas dúas especies, ao usar bluefish(EN), anjovaou pez golfar (ES), tassergal (FR) ou tallahams(CT) para o Pomatomus saltatrix; e anchovy ou European anchovy (EN), anchoa ou boquerón (ES), anchois (FR) e seitó ou anxova (CT) para o Engraulis.

Non incluímos na listaxe exemplos do portugués porque nesta lingua dáse unha situación ata certo punto especial: aínda que pode detectarse unha certa confusión que leva a empregar anchova para as dúas especies que nos ocupan, na documentación oficial –como por exemplo nesta lista de especies pesqueiras– tense bo coidado en establecer esa distinción, reservando biqueirão para o Engraulis e anchova para o Pomatomus.

Despois de todo o que acabamos de ver –e aínda que só sexa por aforrar o susto de atopar filetes de anchoa de a metro– pensamos que é mellor reservar este nome para a conserva feita a partir de bocareos, e recorrer por exemplo a anchova –forma proposta para o galego no Listado de denominaciones comerciales de especies pesqueras y de acuicultura admitidas en España– para referirnos ao Pomatomus saltatrix.

The contents of this page were updated on 11.16.2023.