82. Viaxando desde as caixas da froita
Cada vez máis, achegarse a unha froitaría é como facer unha viaxe rápida polas hortas de todo o mundo. Nos andeis atopamos especies de Ásia, África ou América –na verdade, empeza a ser máis fácil atopar aguacates, papaias ou chirimoias ca pavías, peras urracas ou repinaldos, pero esa é leria para outro sitio.
Con toda esa mercadoría exótica teñen que lidar os vendedores e os clientes; pero tamén “os de letras” andamos por veces ás voltas con algunhas especies. Imos dedicar esta precisión a algunhas que no SNL nos pasaron polas mans, aínda que por desgraza non sempre pola boca:
- A manga –n on o *mango–o o o o o o o o o o (ES: mango; PT: manga; EN: mango) é o froito da mangueira, nome baixo o que se inclúen máis de 30 especies de árbores do xénero Mangifera.
- O maracuxá (ES: maracuyá ou fruta de la pasión; PT: maracujá; EN: passion fruit) é unha froita moi aromática e de sabor lixeiramente acedo producido por diversas especies rubideiras do xénero Passiflora, principalmente Passiflora edulis.
- O alquequenxe (ES: alquequenje ou linterna china; PT: alquequenje ou tomate de capucho; EN: Chinese lantern ou bladder cherry), producido pola herbácea Physalis alkekengi, destaca sobre todo polo envoltorio que forma o seu cáliz e que recobre totalmente a froita, do tamaño dunha cereixa e de sabor doce pero cun puntiño de acidez.
- O tomate de árbore (ES: tamarillo, tomate de árbol; PT: tomate de árvore, tomate arbóreo; EN: tree tomato, tamarillo) é unha froita ovoide de entre 2 e 8 cm, con pel delgada e carne suave, que se tira da Cyphomandra betacea, unha especie da familia das Solanaceae, parente –xa que logo– dos tomates “convencionais”.
- O pomelo (ES: pomelo ou toronja; EN: grapefruit; PT: pomelo) é un cítrico de forma arredondada que pode acadar os 15 cm de diámetro, de cor amarela ou rosácea e sabor bastante acedo, producido pola árbore do mesmo nome (Citrus x paradisi), xurdida por hibridación de Citrus maxima e Citrus x sinensis. Curiosamente, en paralelo á hibridación botánica ocorreu tamén unha hibridación lingüística que explica por qué a traemos aquí.
A Citrus maxima (ou Citrus grandis) coñécese en inglés como pummelo, pomelo ou shaddock. O feito de que en galego, castelán ou portugués pomelo designase unha especie diferente, combinado co influxo que os anglicismos exercen sobre todas as outras linguas explica que atopemos con moita frecuencia este nome referido tanto a Citrus x paradisi como a Citrus maxima, a pesar de que as diferenzas entre as dúas froitas son ben visibles.
Pero o que é admisible na lingua xeral, non o é en contextos técnicos (botánicos, de comercio internacional, de aduanas…), nos que cada especie precisa unha forma que a identifique:
- En galego óptase por reservar pomelo para Citrus x paradisi e empregar toranxa para Citrus maxima.
- En portugués a tendencia maioritaria é a mesma (pomelo para Citrus x paradisi, e toranja para Citrus maxima).[1]
- En castelán, o máis frecuente é reservar as denominacións pomelo e toronja para Citrus x paradisi e empregar cimboa e pampelmusa para Citrus maxima. Pola contra, algunhas entidades tan relevantes como a FAO fan un uso diferente, recorrendo a toronja para a primeira especie e a pomelo para a segunda.
- En galego óptase por reservar pomelo para Citrus x paradisi e empregar toranxa para Citrus maxima.
----------------------------------
[1] Aínda así, tanto en portugués como en castelán poderemos atopar abondos exemplos en sentido contrario, sobre todo en documentos traducidos desde o inglés ou moi dependentes de materiais nesta lingua.