Skip to main content

81. O gardarraíl, ou ter que elixir cando non hai opción boa

Un idioma preciso

Por veces, á hora de recomendar qué nome debemos empregar en galego para referirnos a algún concepto concreto, debemos elixir entre o regular e o malo, xa que todas as alternativas presentan un lado escuro.

Un exemplo? A denominación en galego deste obxecto. Trátase dun ‘ elemento de protección da seguranza do tráfico, consistente nunha prancha galvanizada de sección sinusoidal[1] que se fixa a unha serie de postes metálicos verticais chantados no chan, e que se coloca nas beiras das estradas para evitar as saídas de vía, ou no centro delas para separar os dous sentidos da circulación’.

Pois ben, en principio, poderiamos optar entre quitamedosgardarraíl ou barreira de seguridade metálica/barreira de seguridade semirríxida. O que ocorre é que todas elas presentan un pero, como podedes ver tamén neste debate:

  • quitamedos aparece recollido nalgún dicionario galego (Gran Xerais), que o define como ‘varanda que se coloca nos lugares elevados e nas beiras dalgunhas estradas’, probablemente a imitación do castelán quitamiedos. Pero como nesta lingua, fontes tan autorizadas como a Dirección General de Tráfico indican que ese uso é impreciso,[2] podemos preguntarnos se ten sentido aproveitalo para o galego.
  • gardarraíl non o atopamos en ningún dicionario galego, pero si nunhas cantas páxinas web. Trátase –igual ca o castelán guardarraíl– dun anglicismo resultante da tradución trapalleira do inglés guardrail,[3] que en realidade vén significando ‘varanda de protección’. Porque, se nos compostos galegos que comezan por garda- o segundo elemento é algo que se protexe (gardacostasgardametagardarroupa…) ou do que hai que protexerse (gardalama), que “raíl” protexe un gardarraíl?.
  • barreira de seguridade metálica (ou semirríxida) sería a forma máis acaída desde o punto de vista lingüístico, xa que describe ben o obxecto e presenta unha estrutura semellante á do nome inglés (guardrail) ou ás empregadas en castelán contextos técnicos (barrera metálica de seguridadvalla de defensa). Os problemas chegan polo lado pragmático: parece unha expresión moi ‘formal’ para poder encher o oco que quitamedos ou gardarraíl veñen ocupando na lingua non especializada.

Xa que as tres alternativas teñen o seu aquel, e todas renxen nun punto ou no outro, non nos vemos quén de establecer unha fronteira ríxida entre formas que se deben proscribir e formas que se deben empregar. Aínda así, pensamos que o mellor é evitar o uso de quitamedos, fundamentalmente pola súa ambigüidade; que barreira de seguridade semirríxida sería a forma máis adecuada para a documentación técnica tanto do ámbito da enxeñaría coma do dos transportes; e que gardarraíl,[4] no caso de empregarse, debe limitar o seu alcance ao niveis non especializados da lingua.

 

----------------------------------

[1] Esta prancha recibe o nome de perfil bionda ou simplemente bionda (ES: bionda; EN: W-beam).

[2] En realidade un quitamiedos é en castelán un obxecto parecido pero distinto: un elemento de protección que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto ou máis psicolóxica ca real. Segundo varios dicionarios, a forma adecuada en galego sería peitorilantepeito ou varanda.

[3] Neste idioma tamén se emprega crash barrier.

[4] O feito de ser un calco erróneo non é razón abonda para proscribilo unha vez que xa acadou unha ampla difusión: en obras normativas outros casos de traducións trapalleiras perfectamente integradas no galego (ciencia ficción, por poñer un caso).

The contents of this page were updated on 11.16.2023.