Skip to main content

79. Máis préstamos de novas tecnoloxías: a co-location

Un idioma preciso

Como vimos na precisión anterior, o ámbito das novas tecnoloxías é unha fonte continua de debates terminolóxicos, sobre todo debido á rapidez e á intensidade coa que palabras inglesas entran e se espallan polas linguas románicas. Unha das últimas sobre as que tivemos que reflexionar foi co-location.[1]

Esa forma designa un servizo que lle permite a unha entidade situar os seus servidores (web ou doutro tipo) no espazo físico que lle cede outra entidade -normalmente un provedor de servizos de rede co que se asina un acordo de interconexión-, quen ademais proporciona unha amplitude de banda, un mantemento e unhas condicións físicas e de seguridade mellores ca aquelas ás que a primeira entidade podería acceder por si mesma.

En xeral, nas linguas da nosa contorna a denominación inglesa está moi presente, pero convive con propostas neolóxicas que intentan suplantala. Así:

Para facermos algo semellante en galego, temos que partir de formas como situarlocalizar ou colocar, que son as que representan a idea de 'poñer nun lugar concreto'.[2]Sobre eses verbos poderiamos xerar substantivos como colocalización ou cosituación (cocolocación parece bastante menos adecuado, dada a súa evidente cacofonía).

Este mecanismo, que vimos de describir en abstracto, xa se puxo en práctica, pois colocalización -ou a súa variante co-localización- poden atoparse documentación oficial, como nas versións galegas dos regulamentos sobre mercados de comunicacións electrónicas, acceso ás redes e numeración, e sobre as condicións para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas, o servizo universal e a protección dos usuarios.

Por todo o devandito, parece que colocalización/co-localización é a mellor das alternativas con que contamos para suplantar o co-location do inglés: creouse seguindo un mecanismo paralelo ao das linguas veciñas, describe bastante ben o concepto, e trátase dunha forma xa documentada en fontes especialmente relevantes, como son as lexislativas.

 

----------------------------------

[1] Unha das definicións máis aceptadas de e-learning é a proposta pola Unión Europea na iniciativa elearningeuropa.info, onde se presenta como o "uso das novas tecnoloxías multimedia e de Internet para mellorar a calidade da aprendizaxe mediante o acceso a recursos e servizos, e a colaboracións e intercambios a gran distancia".

[2] Hai que ter en conta que *ubicar está desaconsellada en diversos libros de estilo galegos, e que emprazar non ten os mesmos significados ca o emplazar do castelán.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.