Skip to main content

77. Cabanas sen tellado nin paredes

Un idioma preciso

Ao revés do que podería parecer, cando en galego oímos ou lemos denominacións como cabana gandeiracabana bovinacabana equinacabana ovinacabana porcina… non se nos pretende falar de construcións nas que se estabulan todos eses tipos de gando, senón do ‘total do gando –en conxunto ou dunha determinada especie– que se pode contabilizar nun ámbito xeográfico ou nunha propiedade concreta’.

A palabra cabana comezou a empregarse con este novo sentido en épocas moi recentes: o exemplo máis antigo de uso recollido no Tesouro Informatizado da Lingua Galega é de 1984, e amais, tampouco se cita en ningunha dos traballos de finais do XIX e de boa parte do XX compilados no Dicionario de dicionarios. Porén, nestes últimos 20 anos vénse empregando con moita frecuencia, o que permite documentalo incluso en vocabularios como o Léxico de xeografía (Santiago de Compostela: USC, 1996) ou en páxinas oficiais da Xunta de Galicia (entre elas o Diario oficial de Galicia).

“Curiosamente”, este novo sentido de cabana coincide case literalmente cun dos recollidos no Diccionario de la lengua española da RAE para o castelán cabaña (‘conjunto de los ganados de una hacienda, región, país, etc.’). Pero nesta lingua, ese valor ten unha longuísima tradición histórica, pois xa se recollía na edición do Diccionario publicada en 1729.

Só os datos anteriores xa abondarían para desconfiar da “galeguidade” desa acepción de cabana. Pero se amais lle engadimos:

  • que o galego dispón de denominacións patrimoniais (facendaarmentíohabenza…) que designan ese mesmo concepto ou algúns moi achegados;

temos indicios abondos para diagnosticalo como un préstamo do castelán, instalado só no galego, onde compite con formas autóctonas, polo que sería aconsellable evitalo.

Xa sabemos que é mellor non empregar cabana, quédanos pois determinar a qué forma podemos recorrer no canto dela.

  • Habenza non parece a máis apropiada xa que o Diccionario da Real Academia Galega limita o seu alcance ao ‘gando miúdo’ (o formado por reses pequenas, como ovellas, porcos ou cabras).
  • Facenda posúe un significado (‘conxunto de animais que son propiedade dunha familia’) que a capacita para substituír a cabana, aínda segundo as zonas do país ese valor xeral adquire matices particulares.
  • Armentío sería tamén unha posibilidade acaída, xa que os dicionarios recollen para ela un significado xenérico de ‘gando de calquera clase que se cría para utilidade do home’, xunta outro máis específico de ‘gando vacún que forma rabaño’.

Xa que logo, a nosa proposta desta quincena consiste en evitar expresións como as recollidas no primeiro parágrafo desta precisión, e empregar no seu canto armentío1 ou facenda / facenda de gando.

 

----------------------------------

[1] Cando empreguemos este substantivo, é redundante completalo con gandeiro ou con de gando, xa que non existe ningunha ambigüidade posible. Si pode ser preciso recorrer a unha desas formas se usamos facenda, xa que expresións como “a facenda galega” ou “as subvencións por explotación outorgaranse en función da facenda” poden ser provocar confusións con algún dos outros significados dese substantivo.

Esta posible ambigüidade xa desaparece nos casos en que se especifica un tipo de gando concreto (“o armentío bovino galego”, “a facenda porcina catalá”…).

The contents of this page were updated on 11.17.2023.