71. Ás voltas co medio ambiente (tres anos despois)
Nunha das nosas primeiras precisións falaramos das vacilacións existentes en galego entre ambiente e medio ambiente. Este clásico das dúbidas lingüísticas leva desde 1990 provocando a aparición de propostas e ditames contraditorios nos distintos dicionarios que se foron publicando. Como neste intervalo de case tres anos viron a luz novos produtos lexicográficos, pareceunos interesante fixarnos outra vez neste concepto, aínda que -como veremos- eses novos traballos non contribuíron a aclarar o dilema.
Por volta de 1990 a RAG apostaba polo uso de medio ambiente, tal e como se recolle no Léxico de administración castelán-galego. Pero en 1991, o autor do Diccionario de dúbidas da lingua galega argumentaba que se trataba dunha "construción redundante semanticamente", e que se debía empregar só ambiente, medio ou medio natural.
Esta proposta acadou un grande éxito entre os dicionarios editados durante a década dos 90, tanto entre os académicos (o Diccionario da Real Academia Galega de 1997 recolle medio ou ambiente) como entre os producidos por editoriais privadas.
Pero a realidade non le dicionarios, e durante ese mesmo período foron xurdindo no noso ámbito a Consellería de Medio Ambiente, múltiples concellerías de Medio Ambiente, oficinas de Medio Ambiente nalgunhas universidades. de tal forma que a denominación acadou un nivel de presenza simbólica que fai difícil despachala simplemente dicindo que se trata dun "erro".
Por este motivo, no Léxico do medio editado en 2002, de cuxa parte galega se responsabilizou persoal de Termigal,[1] ofrécese medio como forma preferente, pero tamén se lle outorga validez a medio ambiente (e a mesma estratexia séguese con ambiental e medioambiental)[2]. NasActas da VII Conferencia Internacional de Linguas Minoritarias (páx. 353-360) os autores explican as razóns desa decisión.
Polo xeral, os dicionarios galegos destes últimos anos (Dicionario Xerais da lingua, Dicionario de galego de Ir Indo.) seguen desaconsellando ou ignorando o uso de medio ambiente -por veces con contradicións internas-[3] e aparentemente iso é tamén o que fai o Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Pero non. Este traballo de 2005, despois de ofrecer medio ou ambiente como únicas alternativas para o castelán medio ambiente, muta de criterio na seguinte entrada e propón medioambiental como equivalente galego de medioambiental en castelán.
Perante este panorama, non podemos estrañarnos de que un usuario calquera se atope perdido. A ver logo se a nosa opinión consegue aclarar algunhas cousas:
- Medio natural designa un concepto diferente ao de medio (ou medio ambiente), xa que exclúe calquera tipo de intervención humana alteradora das características atmosféricas, xeolóxicas e biolóxicas existentes nunha área determinada.
- O uso exclusivo de medio ou de ambiente é perfectamente acaído desde un punto de vista estritamente lingüístico, pero se o completamos cun enfoque pragmático vemos que pode provocar certas ambigüidades en situacións reais de comunicación (“…debe dirixirse á Oficina do Medio…”) ou incluso ter connotacións negativas.
Pensamos que algo diso é o que dificulta o emprego de ambiente: ao designar tamén coloquialmente o ‘circuíto de locais ou establecementos frecuentados por homosexuais’ a súa utilización en calquera contexto en que poida caber a interpretación ambigua (“…activistas do ambiente…”, “…campaña a prol do ambiente…”) tende a evitarse.[4]
Pola contra, o adxectivo ambiental, que xa non está afectado por esa contaminación, ten un uso moi frecuente (enxeñería ambiental, estudos ambientais.)
- É certo que medio ambiente é, desde un punto de vista lingüístico, unha expresión redundante.[5] Pero é verdade tamén que, tendo en conta a súa presenza na denominación de entidades tan importantes como as que vimos antes, parece unha aposta puramente voluntarista e destinada a fracasar seguila condenando ao inferno do "incorrecto".
Amais, esta expresión non é exclusiva do castelán, senón que meio ambiente é a forma empregada no portugués do Brasil (vid. por exemplo o web do seu Ministério do Meio Ambiente), e tanto medi como medi ambient se consideran formas correctas en catalán.[6]
Logo de expostos todos estes argumentos pensamos que a postura máis racional é a que defendían os autores do Léxico do medio: tratar medio -ou ambiente- como denominacións principais, pero asumir que a implantación de medio ambiente, unida aos problemas que en certos contextos presentan as outras dúas denominacións, obríganos a recoñecela como forma aceptable en galego, aínda que intentemos limitar na medida do posible o seu emprego.
De forma correlativa, esta actitude debe estenderse á parella ambiental / medioambiental, dándolle prioridade á primeira, pero aceptando a segunda como forma galega. |
----------------------------------
[1] En sentido estrito, isto non lle confire a este traballo potestade normativa, pero si lle dá un certo status de fiabilidade que non se pode ignorar.
[2] Esta mesma proposta é a que se fai no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Vid. a entrada ambiente (vol. A-B, páx. 201).
[3] Por exemplo, na Enciclopedia Galega Universal, na entrada ambiente ofrécese unha acepción na que simplemente se remite a medio ambiente. Pero na entrada medio non se fai ningunha mención a esta denominación, senón que se presentan como equivalentes ambiente e medio natural.
[4] Para estes efectos pouco importa que este valor de ambiente sexa entre nós un castelanismo -o feito de que en portugués esta palabra non coñeza ese significado é un dato que apunta nesa dirección-. A connotación, e a consideración negativa que de aí se deriva- funciona independentemente da normatividade das formas implicadas.
[5] De feito, os diccionarios da Real Academia Española só recollen esta entrada a partir da edición de 1984.
[6] No resto das linguas veciñas empregan ambiente (portugués de Portugal), environment (inglés), environnement (francés) ou ambiente (italiano).