Skip to main content

69. Tiburóns nas augas do galego

Un idioma preciso

Hoxe imos fixarnos noutro clásico dos termos dubidosos en galego: o nome que debemos usar para referirnos a un grupo de peixes cartilaxinosos, formado por unhas trescentas especies, que teñen en común o seu corpo esvelto e fusiforme e a súa cabeza rematada nun fociño apuntado.

Os dicionarios e vocabularios elaborados pola RAG –e ao seu ronsel a maioría dos editados por entidades privadas– desde mediados dos 80 aconsellaban evitar o emprego de tiburón para referirse a ese conxunto de especies, ao consideralo un castelanismo, e recorrer no seu canto a quenlla.

Esta proposta nunca foi do gusto dos diferentes colectivos profesionais. Así, en guías de peixes como a Guía dos peixes de GaliciaPeixes do mar de Galicia, en páxinas web especializadas coma a de Pescagalicia, ou en traballos de análise lingüística realizados especialistas en bioloxía, mantense o uso de tiburón e danse argumentos que o xustifican.

A elaboración máis desenvolvida é, sen dúbida, a que dá Luís Daviña Facal en Lingua e ciencia. Alí explícase claramente que o galego quenlla non debe empregarse como denominación galega para todo o grupo de peixes, xa que en realidade é o nome patrimonial que designa unha das especies dese grupo: a coñecida cientificamente como Prionace glauca.[1]tiburón é unha forma importada do tubarão portugués, quen pola súa vez o recolleu dun termo tupí.[2] Indica tamén que o castelán

Pola contra, en 2005 o Dicionario castelán-galego da RAG (2004) opta por presentar tiburón e quenlla como sinónimos e equivalentes galegos de tiburón. E, sorprendentemente, na entrada tintorera –denominación castelá para Prionace glauca– proponse tiburón tigre como forma galega, cando esta debería corresponderlle á especie Galeocerdo cuvieri (PT: tubarão-tigre; ES: tiburón tigre; EN: tiger shark; FR: requin tigre; CT: tauró tigre).

Vemos, pois, que esta última obra non contribúe máis ca a enguedellar unha cuestión na que finalmente se puxeran de acordo zoólogos e filólogos. Por iso –e porque contradí o indicado noutra obra normativa como é o VOLGa– o mellor vai ser non tomala en conta, seguir restrinxindo o alcance de quenlla á designación de Prionace glauca e empregar tiburón como nome xenérico para todo ese grupo de peixes.

 

----------------------------------

[1] Esta especie coñécese como tintureira no portugués de Portugal e como tubarão-azul no do Brasil, como tiburón azul ou tintorera en castelán, como blue shark en inglés e como requin bleu en francés.

[2] En inglés (shark) e en francés (requin) as denominacións teñen orixes totalmente distintas.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.