65. Nadando, remando e correndo polas *rúas
Parece que os propósitos de aninovo aos que faciamos referencia hai unhas semanas seguen vixentes para moitos: nestes últimos días recibimos tres consultas sobre a forma máis adecuada para substituír o castelán calle no ámbito de varios deportes (atletismo, natación, remo, golf.).
En todos os casos, trátase dunha zona lonxitudinal do espazo no que se compite claramente delimitada por obstáculos ou elementos de marcaxe (boias, liñas, árbores.). Porén, hai tamén diferenzas claras entre elas: mentres no atletismo, na natación, no remo ou no piragüismo márcanse varias desas zonas en paralelo para manter separados aos competidores, no golf hai unha única delimitación para todos os participantes.
Mentres que o castelán ignora esta distinción conceptual e denomina todas esas zonas como calle, o inglés, o francés ou o portugués plasman esas diferenzas usando nomes diferentes: lane, couloir e raia, respectivamente, para as zonas delimitadas nas pistas de atletismo, nas piscinas ou nos campos de regatas, e fairway (EN), allée ou fairway (FR) e fairway ou corredor (PT) para a existente en cada un dos buratos dun campo de golf.[1]
Na medida en que non existen termos patrimoniais para referirse en galego a eses conceptos, os dicionarios e os medios de comunicación optaron por evitar a imitación do castelán -o que os leva a desaconsellar o uso de *rúa- e por propor a reutilización de nomes galegos que designaban divisións semellantes noutras áreas da realidade. Así:
- Para as divisións lonxitudinais que separan zonas paralelas de competición nunha pista de atletismo, nunha piscina ou nun campo de regatas, recoméndase o uso de estaxe[2] (Vocabulario do deporte, Gran diccionario Xerais da lingua). En ocasións, tamén se emprega carreiro e -cando se compite nunha superficie acuática- canle.
- Para a delimitación que se fai nos campos de golf, os medios de comunicación en galego empregan corredor, e tamén carreiro; aínda que esta segunda forma comporta unhas connotacións de estreitura que non lle acaen moi ben á realidade que designa.
A conclusión de todo o devandito é clara: *rúas -e por suposto *calles- son formas que en galego debemos evitar para referirnos ás zonas de competición delimitadas en paralelo, usando no seu canto os termos indicados nos dous parágrafos anteriores. |
----------------------------------
[1] Unha definición precisa sería 'zona que vai desde o punto de saída ata o green, que conta cunha cuberta de herba ben acondicionada, e na que en principio se prevé que se desenvolva o xogo'.
[2] Esta é unha palabra patrimonial do ámbito agrícola que designa no traballo da colleita 'o anaco de terreo do que se ten que ocupar cada un dos colleitadores cando estes van avanzando en paralelo pola leira'.