Skip to main content

57. Coas plantas no chan: os *replanteos

Un idioma preciso

Un dos primeiros labores que hai que realizar no terreo en que se quere erguer unha construción é marcar a escala real no chan o lugar exacto que van ocupar os alicerces.

Esta acción, que se coñece como implantação en portugués, replanteo en castelán e setting out en inglés, recibe en galego varios nomes, polos que imos facer un repaso valorativo nas liñas seguintes.

Posiblemente o máis frecuente sexa *replanteo, que –para sorpresa nosa– pode recollerse en múltiples ocasións en documentación oficial, tanto nas versións galegas dos BOE, como nos DOG, ou noutra documentación. E subliñamos a sorpresa porque resulta insólito que se considere adecuado o emprego de *replantear e *replanteo cando derivan dunha forma (*plantear) que vén sendo desaconsellada explícita ou implícitamente polos dicionarios galegos desde comezos dos anos 90.[1]

Noutras fontes evítase conscientemente botar man do verbo *plantear, e empréganse formas como planeamento (Base de datos da construcción de Galicia) ou replaneamento (Cadernos de documentación municipal). Estas forman non presentan ningún problema desde o punto de vista lingüístico, pero non podemos dicir o mesmo se as miramos desde o lado técnico xa que provocarían confusións entre dúas actividades distintas. A denominación planeamento (PT: planejamento; ES: planeamiento; EN: planning) designa tamén un ‘ proceso de ordenación dunha realidade social, económica ou territorial, que se plasma na elaboración e aplicación dunha serie de plans’ e ten un uso especial no ámbito do urbanismo e a construción, no que eses plans reciben o nome de instrumentos de planeamento.

Unha terceira vía denominativa é a seguida polo Léxico da administración, ao propor trazado de planta. Con ela, apostou por unha proposta neolóxica que busca describir de forma clara o concepto ao que alude, aínda ao custo aumentar o seu tamaño. Porén, a pesar de evitar os problemas que presentaban todos os nomes mencionados nos parágrafos anteriores, a súa presenza no uso real é anecdótica.

De todas as denominacións vistas ata o de agora, parece evidente que se debe aconsellar o emprego de trazado de planta –ou do seu sinónimo traza de planta– xa que é coherente con outras decisións recollidas nos traballos lexicográficos galegos (o que non lle ocorría a *replanteo) e evita as posibles ambigüidades con outros termos da súa mesma área de especialidade (problema no que caían *planeamento e *replaneamento).

 

----------------------------------

[1] Non só se desconsella a forma do castelán, senón tamén os castelanismos agalegados *plantexar e *prantexar. No Diccionario de dúbidas da lingua galega explícase esta condena por tratarse dunha forma exclusiva do catalán e do castelán sen paralelo en ningunha das linguas próximas.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.