Skip to main content

49. Habemus Papam

Un idioma preciso

Sen dúbida ningunha, se algunha linguaxe de especialidade adquiriu notoriedade nestas últimas semanas, foi a “terminoloxía papal” –por chamala dalgún xeito. Arrastrados tamén pola corrente vaticanista que percorre o mundo, imos dedicar esta “precisión” a algúns termos que poden ser conflitivos ou provocar dúbidas.

O primeiro deles é o conclave. A pronuncia esdrúxula (*cónclave) que aparece nalgunhas fontes galegas, é exclusiva do castelán e do inglés (conclave). O portugués (conclave) e o galego optan por respectar a pronuncia grave, máis fiel á forma latina (conclāve) da que procede este termo. Tamén se fala moito estes días dos novendiales ou novemdiales (o período de nove días nos que celebra unha misa funeraria diaria e outros ritos). Preferimos esta forma e non *novendiais, porque cremos que se trata dun estranxeirismo culto (do latín novendiālis) que non ten por qué formar o plural seguindo as pautas das palabras patrimoniais galegas. Esta mesma tendencia percíbese tamén en portugués, onde se emprega novendiales ou novemdiales e non *novendiais.

Dúas figuras relevantes en todo este ritual son o camarlengo (cardeal que preside a Cámara Apostólica e que exerce como xefe do Estado vaticano desde o falecemento do papa e ata que se elixe o seguinte)[1], e o protodiácono (cardeal encargado de comunicarlles aos fieis o nome da persoa que o conclave elixiu como papa).

O primeiro dos cargos (chamado camarlengo en castelán, camerlengo en portugués e camerlingo ou camerlengo en inglés) tamén podería designarse entre nós como camerlengo, tal como se propón no e-Estraviz, xa que se trata dun italianismo (camerlengo), que pola súa vez procede do xermánico kamarling.

En relación co protodiácono (en castelán protodiácono, en portugués protodiácono e en inglés protodeacon) pode haber quen se sorprenda de non atopar un hipotético *protodiago, formado en paralelo a arcediago (o eclesiástico que está á fronte do cabido dunha catedral).[2] Tal cousa non ocorreu porque os dous termos entraron nas linguas occidentais de forma moi diferente:

  • A segunda xa formaba parte dos diferentes sistemas lingüísticos desde a época medieval, polo que evolucionou como o resto das palabras patrimoniais, dando como resultados arcediago en portugués, arcediano en castelán ou archdeacon en inglés.
  • Pola contra, a primeira entrou como forma culta en épocas moito máis recentes, polo que xa non se viu afectada polos procesos evolutivos que afectaron á outra: velaí a razón da súa diferenza formal a pesar da orixe común.

----------------------------------

[1] Este concepto defínese de xeito moi impreciso no Gran diccionario Xerais da lingua, que indica unicamente que é un ‘título honorífico dos cardeais da corte pontificia’, ao revés do que fai o E-Estraviz, que ofrece unha definición moi semellante á que nós indicamos arriba.

[2] As orixes etimolóxicas son semellantes: no primeiro caso, do grego protodiákonos do grego arkhidiákonos, a través do latín archidiaconus.a través do latín protodiaconus; e no segundo,

The contents of this page were updated on 11.17.2023.