Skip to main content

46. EPOpeas deportivas

Un idioma preciso

No mundo do deporte hai xa ben anos que o dito “o que importa non é gañar, senón competir”, que lle apoñen ao barón de Coubertain, non vale nin para os partidos de solteiros contra casados.

A cantidade de intereses económicos, políticos, persoais... que se moven arredor do deporte fixo que sexan moitos os que –se poden– apañan unha axudiña extra para chegar “máis rápido, máis alto, máis forte”.

A dopaxe era unha práctica de longa tradición histórica, pero foi especialmente a partir dos Xogos Olímpicos de Seul, cando o problema adquiriu relevancia mediática. Desde aquela os medios de comunicación comezaron a falar de produtos de nomes crípticos para o profano (somatotropinaesteroidesniquetamida…) que alteraban de formas diversas o rendemento natural dos atletas. Un dos máis famosos é a EPO, unha proteína formada no fígado e no ril, que posúe acción hormonal estimulante do proceso de produción de glóbulos vermellos, pero que se pode administrar como substancia dopante.

Aquí non imos falar dela polas súas “virtudes”, senón porque algúns dicionarios galegos (como o Diccionario galego de termos médicos ou o Diccionario castellano-catalán-euskera-gallego de bioquímica clínica) refírense a ela cun nome que non nos parece aconsellable: *eritropoietina.

Esta forma –da que EPO é unha variante abreviada–, constrúese a partir de *eritropoiese[1], en paralelo ao inglés (erythopoietin < erythropoiesis), o castelán (eritropoyetina < eritropoyesis) ou o francés (érythropoïétine < érythropoïèse)[2]. Pero recorrer en galego a *eritropoiese, e a partir de aí construír *eritropoietina, entra en contradición co feito de que os termos compostos da área da bioloxía que inclúen ese valor de ‘formación de’ tenden a empregar -poese e non -*poiese.

Así, atopamos hematopoese (no Vocabulario ortográfico da lingua galega), biopoese (no Gran diccionario Xerais da lingua), ou citopoesecolepoesegalactopoesegranulocitopoeseleucocitopoeselinfocitopoesemielopoese, trombopoese, etc. no propio Diccionario galego de termos médicos.

Xa que logo, para intentar manter a coherencia interna do sistema compositivo do galego, debemos preferir eritropoese. E tomando esta forma como base, o nome que se debe aconsellar para a proteína só pode ser eritropoetina.

 

----------------------------------

[1] Con este nome designan os dicionarios arriba mencionados o ‘proceso de produción de glóbulos vermellos –t amén chamados eritrocitos–’.

[2] En portugués altérnase entre as formas eritropoetina / eritropoietina e eritropoese / eritropoiese, aínda que algúns autores aconsellan empregar as formas con -i-.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.