Skip to main content

41. Seguimos dentro do corpo: as fibrilas

Un idioma preciso

Seguro que a ningún dos lectores desta precisión lles cumprirá que os informemos de que o nome galego que reciben unha fibra de pequeno tamaño é fibriña (ES: fibrilla; EN: fibril).

Pero, despois de todo o dito sobre os “falsos amigos” en precisións anteriores, non debemos caer no erro de pensar que todos os conceptos que en castelán reciban o nome de fibrilla deben nomearse en galego como fibriña.

Iso é o que pareceron pensar os redactores do Diccionario de psicoloxía e educación cando propuxeron o nome de *fibriña para un concepto de anatomía que outras fontes definen con maior precisión como un ‘elemento estrutural filiforme, presente nas paredes dalgunhas células, que é visible ao microscopio’ (EN: fibril ou fibrilla; PT: fibrila; ES: fibrilla). Moito máis razoable parece defender o uso de fibrila, tal e como propoñen o Diccionario galego de termos médicos, o Gran diccionario Xerais da lingua ou o Vocabulario de ciencias naturais.

Dicimos que é máis razoable porque o termo non se forma en galego partindo do substantivo fibra, senón que se trata dun cultismo creado modernamente a partir do latín fibrilla (fibra pequena), que simplemente sofre a simplificación do -l- dobre para adaptalo á pronuncia. Xa que logo, trátase dun proceso paralelo ao que viviu outro termo anatómico, como é mamila (EN: mamilla; PT: mamilo; ES: mamila), que tamén chegou ás linguas actuais como cultismo proveniente do latín mamilla (mama pequena), aínda que neste caso ninguén pretende sobreadaptala ao galego como *mamiña –p olo menos iso espero–.

Segundo o tipo de células en que aparezan distínguense varios tipos de fibrilas:[1]

  • neurofibrilas (EN: neurofibril; PT: neurofibrila; ES: neurofibrilla).- Rede fibrilar que se estende en tódalas direccións polo citoplasma do corpo dunha neurona e que se estende desde unha dendrita cara a outras e ó axon. Co microscopio electrónico pode verse que está formada por agregacións de neurofilamentos e neurotúbulos.
  • tenofibrilas ou tonofibrilas (EN: tenofibriltonofibril; PT: tonofibrila; ES: tonofibrilla).- Cada unha das fibras finas que se atopan entre as células epiteliais, dispostas mediante pontes intercelulares.

Como se pode ver, nesta precisión non só non imos apoiar as nosas recomendacións coa autoridade das fontes en que as documentamos, senón que a nosa proposta –empregar fibrilamiofibrilaneurofibrila e tenofibrila/tonofibrila– contradí parcialmente as recomendacións explícitas do Diccionario galego de termos médicos, avalado pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e polo Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Pero é que neste caso a falta de coherencia interna destas recomendacións é tan evidente que non nos queda máis volta ca ignoralas.

 

----------------------------------

[1]Sorprendentemente, o Diccionario galego de termos médicos recomenda, sen coherencia interna ningunha, *miofibriña*neurofibriña*tenofibriña e *tonofibriña como nomes galegos para os tipos específicos de fibrila.

Non fan o mesmo o Vocabulario de ciencias naturais nin o Gran diccionario Xerais da lingua, que propoñen formas como miofibrilaneurofibrila e tonofibrila.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.