Skip to main content

40. Entre pelos, vellos e *velos

Un idioma preciso

En precisións anteriores, como a 12 ou a 35, xa explicamos en qué consiste o fenómeno de interferencia lingüística que se coñece como "falsos amigos", e xa indicamos tamén que con frecuencia está na orixe de problemas terminolóxicos.

A semellanza entre o galego vello e as formas vello e bello do castelán, é fonte de confusións frecuentes, especialmente na antroponimia e na toponimia, que fan que algúns convirtan a Galicia nun lugar de fermosura sen igual, chea de aldeas con nomes tan suxestivos como VilabellaAgrobelloVilarbelloFerreirabella. (mágoa que tales sitios non existan e non sexan máis ca traducións a un castrapo ruín de topónimos reais como VilavellaAgrovelloVilarvelloFerreiravella.).

Na dirección contraria, tampouco é insólito atopar textos galegos nos que vello suplanta incorrectamente a peluxe para nomear o 'pelo suave curto e fino que cobre case todo o corpo', ou a lanuxe cando se quere aludir ao 'pelo fino, semellante ao veludo, que cobre algunhas froitas, follas e plantas'. Evidentemente, ambos os dous usos veñen motivados polos conceptos aos que a forma vello pode referirse en castelán.

As distorsións creadas por esta parella de falsos amigos esténdense tamén á linguaxe técnica á hora de denominar 'unha serie de diminutas prolongacións papilares de certas membranas vasculares (especialmente as que cobren o interior do intestino delgado)'. Todas as linguas do noso contorno -quitado o castelán, onde se desenvolve a forma vellosidades a partir de vello- toman como base o cultismo latino villus (PT: vilosidades, EN: villus, FR: villosité.), e esa mesma liña é a seguida nos dicionarios galegos máis modernos e de maior calidade técnica e lingüística, como o Diccionario galego de termos médicos. Neste traballo propóñense como termos galegos vilosidadevilosidades intestinaisvilosidades sinoviaisvilosidades placentarias.

Pero tamén podemos atopar outras denominacións nas que se detecta a confusión provocada pola parella de falsos amigos, como ocorre en velosidades intestinais [sic], mala tradución do termo castelán. Outro nome que tamén se pode documentar é pilosidades (pilosidades intestinais), no que se parte da analoxía ES: vello - GL: pelo, para elaborar a partir dela o termo técnico. Aínda que desde o punto de vista estritamente lingüístico a esta proposta non cabe facerlle ningunha obxección, presenta o inconveniente de separarse da liña seguida por todos os idiomas veciños.

Tendo en conta todo o devandito, debemos evitar as traducións automáticas dos termos casteláns polos galegos e, no caso concreto que aquí nos ocupa, cremos que se debe empregar a forma vilosidade, polas razóns antes indicadas.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.