Skip to main content

37. O xirasol que dá patacas...

Un idioma preciso

Na maior parte das "precisións" que vimos difundindo presentamos casos nos que termos do castelán ou do inglés suplantan un nome galego preexistente ou dificultan que este se cree e se implante. Para comprobalo, abonda con repasar por riba as "Precisións anteriores" deste sitio web.

Porén, o caso de hoxe radicalmente distinto, polo menos en aparencia: un termo castelán que emprega un nome galego (ou polo menos que coincide cunha palabra galega), pero facendo referencia a un concepto distinto en cada unha das dúas linguas. Por isto, non podemos aproveitar o nome galego para referirnos ao mesmo concepto que designa en castelán se non queremos abrirlle a porta a unha segura ambigüidade. Relatada a situación así en abstracto parece imposible de comprender, pero vendo o exemplo concreto as cousas acláranse.

xénero Helianthus agrupa unha serie de especies vexetais da familia das compostas, a máis coñecida das cales é o xirasol. Outra especie deste xénero é o Helianthus tuberosus (vid. imaxes), empregado en alimentación, en medicina, como materia prima para a produción de enerxía, etc. Pois ben, en castelán esta planta é coñecida con nomes moi diversos, pero un dos máis difundidos é ¡sorpresa!. pataca.

Non estamos en condicións de afirmar que este termo sexa un galeguismo en castelán,[1] pero sexa como for, o que parece evidente é que á hora de buscar un nome galego para o Helianthus tuberosus debemos evitar o uso desa denominación para non provocar confusións coa nosa galeguísima pataca de toda a vida (Solanum tuberosum). Tendo en conta que esa especie non está documentada no territorio galego e que, xa que logo, non cabe agardar que exista un nome tradicional para ela, a nosa proposta de denominación galega deberá basearse fundamentalmente na comparación coas formas empregadas para este labor polas linguas do noso contorno.

O resultado desa comparación é o seguinte:

Con toda esta información na man, parece que poderiamos optar entre tres denominacións: alcachofa de Xerusalén (a máis frecuente nas linguas observadas), tupinambo (a máis fiel ao nome orixinal americano da especie e, sobre todo, do seu froito) e xirasol pataqueiro (a menos frecuente, pero a máis coherente desde o punto de vista taxonómico e descritivo, xa que a vincula ás outras especies do xénero Helianthus e indica a súa característica máis salientable).

Desde o noso punto de vista sería preferible quedarse con calquera das dúas últimas e evitar a primeira, xa que nin a especie que nos ocupa ten nada que ver coa alcachofa (Cynara scolymus) nin procede de Oriente (a pesar como se podería supor polo "Xerusalén" do nome), senón que se introduciu en Europa no século xvii procedente de América.

 

----------------------------------

[1] Os dicionarios etimolóxicos nesta lingua prefiren explicalo como contaminación entre patata e o italianismo pataca (moeda antiga).

The contents of this page were updated on 11.17.2023.