A responsabilidade social xera retorno e achega as empresas ás inquedanzas da xente, sinala Roberto Bande
A responsabilidade social corporativa e/ou empresarial xera retorno e achega as empresas ás demandas ou inquedanzas de moitas persoas, asegurou este venres o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC, Roberto Bande Ramudo, na apertura dunha xornada sobre responsabilidade social empresarial (RSE) promovidas pola Xunta de Galicia a través do Grupo Valoración Financeira Aplicada da USC, no marco dun acto no que participou a directora Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Elena Mancha, e o tamén profesor da USC na sede universitaria luguesa Ignacio Rodríguez.
A Xunta de Galicia, lembrou a directora Xeral de Relacións Laborais, impulsa desde hai décadas diversas estratexias para favorecer a implementación de prácticas de responsabilidade social no tecido empresarial. As grandes corporacións empresariais asumiron como propio este novo cometido, precisou Elena Mancha, ao tempo que engadiu que a pretensión da Administración autonómica pasa agora por trasladar estas formas de proceder ás pequenas e medianas empresas, nas que resulta máis complexo incorporar esta nova perspectiva, dado que, en moitas ocasións require máis recursos, ademais de fornecer ao alumnado universitario coñecementos e formación ligados coa responsabilidade social empresarial.
Elena Mancha salientou que a responsabilidade social empresarial constitúe unha variable que ao longo dos últimos anos xa ten constatado que incide na mellora dos resultados económicos da empresa, aumenta a súa capacidade de resilencia e tamén favorece a súa continuidade no tempo. Logo de sinalar este amplo abano de vantaxes, a delegada Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, tamén animou ao estudantado do grao en Administración e Dirección de Empresas a contemplar esta nova orientación de cara á súa futura incorporación ao mercado laboral.
Programa das xornadas
O programa formativo incluído nestas xornadas, impartidas por profesorado da USC e técnicos da Administración e estruturadas en diversos relatorios, comezou cunha breve aproximación ao concepto de responsabilidade social empresarial, así como respecto dos seus ámbitos de aplicación (inclusión, conciliación, diversidade, igualdade...) e grupos de interese.
A medición da responsabilidade empresarial e a metodoloxía que se empregan nas distintas clasificacións xa dispoñibles foi outro dos temas abordados neste foro, durante o que tamén, ademais de dar conta dos índices de RSE que se recollen nos últimos informes referidos ao Estado español e, nomeadamente, a Galicia, tamén se abordou a implantación da RSE en pequenas e medianas empresas a través dun caso práctico.