27. Anuarios de máis de un ano
Os anuarios son publicacións que se dan ao prelo cada ano con toda ou a máis relevante información referida a unha determinada materia, e que serve como obra de referencia para as persoas que traballan nese campo ou teñen interese por coñecer a fondo as súas características.
En xeral, son traballos de vocación esencialmente descritiva que se apoian en información estatística para amosar un panorama da área de que se ocupan.[1]
Pero ás veces o ano revélase un marco temporal pequeno de máis para poder ser obxecto de descricións representativas. For por iso ou por outra razón, o certo é que en ocasións ese tipo de publicacións pasa a tomar como unidade de análise períodos de tempo maiores –case sempre dous ou tres anos. Cando iso ocorre aparece o problema lingüístico: como lles chamamos?
En principio, hai que desaconsellar a posibilidade de recorrer a anuario, xa que esta denominación está intrinsecamente vinculada á unidade de cómputo “ano”: así, un hipotético título como Anuario da artesanía galega 2000-2002 resultaría contraditorio para os lectores.
Nestas circunstancias, os responsables deste tipo de traballos –autores, editores...– optan principalmente por dúas vías:
- A máis frecuente é abeirar o problema evitando calquera substantivo que marque o período de tempo e transmitir esa información de xeito indirecto a través da mención dos anos estudiados (por exemplo Series estatísticas de Galicia 1987-1989)
- Outras veces créanse denominacións novas, partindo do esquema construtivo de anuario e doutros substantivos que designan publicacións caracterizadas polo seu ciclo de periodicidade (diario, semanario, quincenario...).
Esta segunda opción parece a máis aconsellable desde o punto de vista lingüístico, sempre que á hora de aplicala se tome a vía adecuada.
Explicámonos: en castelán, por exemplo, atopamos casos nos que se usa bianuario para referirse a publicacións que abranguen períodos de dous anos.[2] Na nosa opinión, aínda asumindo que os dicionarios galegos indican que tanto bienal como bianual poden asumir o significado de ‘que ocorre cada dous anos’, é preferible especializalos reservando para o primeiro o sentido devandito e limitando o segundo ao seu valor orixinario de ‘que ocorre dúas veces cada ano’.
Polo tanto, combinando os dous argumentos devanditos –a coherencia coa serie denominativa “ diario-semanario-quincenario...” e a conveniencia de distinguir parellas como “bienal/bianual”, “ trienal/trianual”...– defendemos como a mellor alternativa a creación de neoloxismos como bienario, trienario, etc. para designar o tipo de publicacións que estamos describindo, en función do período temporal que abrangan. |
----------------------------------
[1] Aínda que se trata de produtos parcialmente distintos, tamén reciben o nome de anuario as compilacións que moitos xornais editan coa intención de ofrecer, a través dos textos que eles lles dedicaron, unha panorámica das novas máis importantes ocorridas ao longo de un ano.
[2] En inglés ese tipo de obras coñécense como biennial yearbook (‘anuario bienal’).