22. O talo que non ten talo
É unha queixa frecuente entre os especialistas en bioloxía que traballan en galego manifestar os problemas que lles supón o uso do termo talo co sentido de ‘órgano dos vexetais superiores, polo xeral alongado e aéreo, que parte da raíz e sostén as follas e as flores’.
Tal cousa acontece porque esa mesma palabra designa tamén un concepto moi relacionado -case se podería dicir que oposto- que se define como ‘masa corporal vexetativa dos organismos vexetais non diferenciados en órganos e sen tecidos vasculares organizados’. Esto provoca que haxa que recorrer con frecuencia a frases aparentemente tan contradictorias como a que lle dá título á Precisión, ou que as definicións que se ofrecen para a entrada talo en varios diccionarios galegos confundan máis que aclaren a quen as consulta (reproducimos a modo de exemplo a do Gran diccionario Xerais da lingua):
talo1 s.m. 1. Órgano das plantas que medra desde a raíz, xeralmente cara ó alto e que terma das pólas, flores e froitos; caule. 2. Corpo vexetativo dalgúns vexetais no que non existe diferenciación entre a raíz, o talo e as follas.
Poderíase alegar, con moita razón, que as linguas non teñen por qué ser estructuras paralelas, e que conceptos que nunha teñen denominacións diferentes, noutra poden recibir a mesma (o caso das formas galegas sono e soño, que en español comparten a denominación sueño, é un exemplo evidente).
Pero tamén é verdade que cando os dous conceptos están moi próximos, esa coincidencia pode crear problemas de ambigüidade. De feito, o galego é a única das linguas do noso contorno en que se dá esa situación, pois nas outras cada un dos conceptos recibe un nome distinto:
portugués: caule vs talo
Por eso mesmo, en varios traballos galegos se ofrece para o concepto que ao comezo definiamos como ‘órgano dos vexetais superiores...’unha alternativa denominativa, consistente en empregar caule no canto de talo, como se recomenda no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Esta substitución non tería por qué producirse en todos os contextos de uso, senón só naqueles susceptibles de sufrir a ambigüidade da que falabamos máis arriba.
O resultado sería unha especialización das denominacións por niveis de lingua (caule para usos especializados da área de botánica e talo para os restantes), igual cá que se produce por exemplo en anatomía animal cando se designa a ‘cuarta cavidade do estómago dos ruminantes’ como calleiro na lingua popular e coloquial e como abomaso en contextos técnicos.
Se se considera que usar dous nomes distintos para o mesmo concepto pode ser unha nova fonte de problemas, cabería a posibilidade de defender o emprego de talo para referirse ao ‘órgano dos vexetais superiores...’ en todos os casos, e “crear” e difundir o cultismo neolóxico talos para a ‘masa corporal vexetativa dos organismos vexetais non diferenciados...’. Este segundo termo sería o resultado de adaptar minimamente o helenismo thallos (orixe de thallus, talo, thalle...) de onde resultaría un substantivo masculino singular rematado en -s como é frecuente nos cultismos gregos (cfr. con bentos, cosmos, caos, logos...)
Das dúas alternativas que acabamos de sinalar, nós recomendariamos o emprego da primeira (caule vs talo), basicamente porque evita a situación de ambigüidade que causaba a problemática e por ser a máis difundida, tanto na documentación técnica coma nos diccionarios, e por coincidir coa adoptada polo portugués, o que é un valor engadido. |