Skip to main content

15. Buscando o “feed-back” cos lectores

Un idioma preciso

A velocidade á que avanzan a ciencia e a tecnoloxía e as relacións que se establecen entre os diversos campos científicos, provocan que determinados termos pertencentes a unha área de especialidade vexan como as súas denominacións son reutilizadas noutras para designar conceptos parcialmente semellantes ou que comparten algúns trazos básicos.

Un caso que exemplifica ben o que dicimos é o inglés feed-back, forma creada arredor de 1920 para referirse á ‘capacidade dun emisor para recoller as reaccións do receptor nun sistema de comunicación’ e que foi reaproveitada en diversas disciplinas (da robótica á comunicación, pasando pola fisioloxía) para nomear conceptos que comparten esa idea central, pero que se diferencian entre si noutros aspectos.

Cando eses novos termos van entrando noutras linguas tenden a manter a denominación orixinal (de feito feed-back é unha palabra amplamente usada en documentación galega, castelá, portuguesa... Porén, o feito de que a grafía, a pronuncia, e a correlación que existe entre elas sexan estrañas para as linguas romances[1] provocaron que algúns autores optasen por evitar a palabra inglesa e empregar traduccións máis ou menos literais (retroacciónretroalimentaciónrealimentación...) para designar os conceptos.

Esta disxuntiva entre o uso da forma estranxeira ou da imitación traducida segue viva actualmente en galego. Mentres obras como o Gran diccionario Xerais da lingua recollen feed-back no seu corpus de entradas como un estranxeirismo máis (igual ca hardware ou software), outras (Vocabulario ortográfico da lingua galega -VOLG-, Diccionario de dúbidas da lingua galegaVocabulario de electricidade e electrónica...) desaconsellan explícita ou implicitamente o seu uso e propoñen no seu canto algunha das denominacións alternativas que antes viamos.

Pode haber argumentos a favor ou en contra de calquera destas dúas posturas –aínda que en principio o uso de palabras galegas no canto das estranxeiras favorece a claridade da linguaxe utilizada e evita o risco de interferencias na estrutura fonética, gráfica ou morfolóxica do idioma. Pero se optamos pola segunda delas debemos ter a precaución de non establecer equivalencias ríxidas (do tipo ‘o galego “retroacción” substitúe sempre ó inglés “feed-back”) xa que a forma que se amosa máis acaída para describir un concepto pode ser inexacta para a denominación doutro.

Así, para o termo de informática e electrónica caracterizado como ‘o proceso polo que unha parte ou a totalidade dos datos de saída dun sistema volven como datos de entrada, permitindo así a corrección e a regulación do seu funcionamento ó longo do tempo’, o Vocabulario de electricidade e electrónica ou do Gran diccionario Xerais da lingua recomendar usar realimentación, aínda que retroalimentación tamén describiría ben a idea que se intenta transmitir.

En comunicación, retroacción podería usarse para designar a ‘acción de resposta inmediata dun receptor a unha mensaxe’.

En pedagoxía, á ‘información que nun proceso educativo recibe un alumno sobre a validez dunha resposta, ou un mestre sobre os resultados da súa acción educativa e instructiva con obxectivo de mellora-lo resultado final’ podería chamárselle retroinformación ou tamén retroacción, se entendemos que esa información está sempre vehiculada a través dalgún tipo de acción.

En fisioloxía, o Diccionario galego de termos médicos propón autorregulaciónretroacción ou retroalimentación para referirse á ‘regulación automática mediante mecanismos que transmiten ós outros elementos a información necesaria para que readapten o seu funcionamento’.

A conclusión xeral do que vimos dicindo é que a maioría dos diccionarios e vocabularios galegos aconsellan evitar o uso do anglicismo feed-back, e recorrer a palabras galegas. Pero tampouco podemos limitarnos a substituír a palabra estranxeira por unha traducción supostamente válida para todos os seus contextos de uso, senón que debemos empregar a forma galega que mellor encaixe coas características do concepto para o que se está buscando nome.

 

----------------------------------

[1] En galego, por exemplo, se optamos por acomodar a grafía á pronuncia deberiamos escribir “fidbac” ou “fídbac”. Así mesmo, se preferisemos lela como outra palabra galega calquera o resultado sería algo semellante a [feed’bac].

The contents of this page were updated on 11.20.2023.