Skip to main content

13. Recollendo “mostras” para analizar

Un idioma preciso

Multitude de probas analíticas realizadas en diversas disciplinas científicas baséanse na recollida de mostras que posteriormente se estudian de xeito sistemático. Partindo do concepto que en galego denominamos mostra (muestra en castelán, amostra en portugués, sample en inglés, échantillon en francés...) fóronse desenvolvendo outros derivados ou relacionados con el: a acción de recoller mostras, as técnicas para facelo, os aparellos en que se recollen, etc. que cada lingua bautizou aplicando os seus propios recursos internos de creación de palabras. Na Precisión de hoxe centrarémonos en tres dos máis relevantes.

En galego, chámaselle mostraxe á ‘técnica consistente en recoller un certo número de mostras seguindo uns determinados criterios, para determina-la calidade ou condicións medias dun todo’, de forma paralela ó portugués amostragem, ó inglés sampling e ó francés échantillonnage, e evitando a imitación do castelán muestreo (que nos levaría a unha suposta forma galega *mostreo, desaconsellada explicitamente en obras como o Gran diccionario Xerais ou o Diccionario de dúbidas castelán-galego.)[1]

O verbo que remite á aplicación desa técnica é amostrar en portugués, to sample en inglés, échantillonner en francés e muestrear en castelán. A aplicación dun modelo paralelo levaría a propor “*mostrar” como equivalente galego; pero eso podería fomentar a confusión con outros significados da mesma palabra (os que se relacionan con ‘amosar’, por exemplo). Por ese motivo, os vocabularios que se pronunciaron ó respecto[2] aconsellan o uso de expresións perifrásticas como tomar mostras ou escoller mostras, que evitan a posible confusión e non supoñen un calco directo da forma castelá, como ocorrería de empregarmos *mostrear.

Con moita frecuencia esas mostras son recollidas por medio dun aparello, que pode funcionar de xeito automático ou non, e que se coñece como amostrador en portugués, muestreador en castelán, sampler en inglés e échantillonneur en francés. Como se ve o procecemento é sempre o mesmo: partindo da forma verbal créase por derivación un substantivo con valor de ‘axente que realiza a acción X’.
O feito de que en galego a forma “*mostrear” sexa desaconsellada impide empregar o mesmo procedemento derivativo, que daría como resultado “*mostreador” (forma que na nosa opinión cumpriría evitar a pesar de ter unha certa presencia na documentación, e de estar recollida no Diccionario castellano-catalán-euskera-gallego de bioquímica clínica, Barcelona, SEQC). Parece máis lóxico partir de “tomar mostras” e -tendo en conta as súas características- elaborar un neoloxismo formal que sexa respectuoso coa estructura da lingua, que non supoña unha diverxencia considerable con respecto ás outras linguas e que se poida asociar facilmente co concepto que representa. Unha forma como tomamostras cumpre na nosa opinión todos eses requisitos, ademais de ter xa unha certa presencia nos diccionarios galegos, pois figura no Vocabulario de química, Santiago, SNL-USC baixo a forma tomamostras automático.

----------------------------------

[1Mostraxe é a denominación proposta no Diccionario da Real Academia Galega e na inmensa maioría dos diccionarios elaborados nestes anos.

[2] Os diccionarios de lingua xeral non tratan ese termo. Si se analiza en obras máis especializadas como o Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura, Vigo, COAG-Concello de Vigo, o Léxico básico de Métodos de Investigación de Diagnóstico en Educación, Santiago, SNL-USC ou o Léxico de xeografía, Santiago, SNL-USC.

The contents of this page were updated on 11.20.2023.