Skip to main content

10. De xeracións, rexeneracións e coxeracións

Un idioma preciso

Unha dúbida sobre cál debería ser a palabra máis adecuada en galego para designar a “producción combinada de electricidade ou de enerxía mecánica, e de enerxía calorífica a partir dunha fonte de enerxía primaria, como gas natural, gasóleo ou fuelóleo, que se reaproveita posteriormente” (¿‘coxeración’, ‘coxeneración’?) fixo que nos decatasemos de que toda unha serie de palabras galegas vinculadas ó verbo xerar lles ocasionan problemas ós usuarios, dado que algunhas (dexeneraciónrexeneración...) presentan un -n- intervocálico herdado do latín generare que outras perderon (xeraciónxerador...).

O feito de que esta alternancia só exista no noso contorno lingüístico en portugués e en galego, faina máis salientable para moitos usuarios, ó contrapoñerse coa regularidade perfecta que se detecta en castelán (generargeneracióndegeneraciónregeneración) ou en inglés (generategenerationdegenerationregeneration).[1]

Dedicaremos, xa que logo, esta Precisión a explicar as razóns que están detrás desa alternancia e responderemos de paso á dúbida que formulamos nas primeiras liñas.

  • As palabras que perderon o -n- existente en latín (xeralxerar ou xeración) estaban xa presentes no galego e no portugués medieval (aínda que terían unha pronuncia diferente á actual, e máis próxima á do portugués contemporáneo) e polo tanto víronse influídas pola perda do -n- intervocálico que nesa época tamén afectou a moitas outras formas como alienu (gal. alleo), catena (gal. cadea), arena (gal. area)...

  • Os termos do latín culto non entraron nas linguas romances por ese procedemento, senón que foron importados posteriormente cando estas se converteron en vehículos de transmisión do pensamento e do coñecemento científico (a partir do Renacemento). Xa que logo, a perda do -n- intervocálico, que era un proceso que deixara de actuar sobre novas palabras ó final da época medieval e que o facía especialmente na lingua popular, non afectou a formas como dexeneración e rexeneración ou as portuguesas degeneração e regeneração, provenientes dos cultismos latinos degeneratio e regeneratio.

Outros termos non existiron nunca en latín e formáronse nas linguas romances con elementos xa presentes nestas sobre os que se aplicaron procedementos de derivación ou composición. Así, cos prefixos “foto-”, “micro-” e “multi-” e o substantivo “xeración” fórmanse fotoxeraciónmicroxeración e multixeración (por un procedemento análogo, o portugués constrúe fotogeraçãomicrogeração e multigeração)[2]. Este mesmo procedemento é o que permite crear autorrexeneración (en portugués auto-regeneração) reutilizando o subtantivo “rexeneración” do que falamos no parágrafo anterior.

Despois do dito, cremos que a dúbida coxeración /coxeneración debe resolverse a favor da primeira das opcións, como tamén se fai en portugués, onde se emprega cogeração. O feito de que non existise en latín un *cogeneratio que se puidese importar como cultismo e a novidade do termo en galego, amosan claramente que se trata dunha creación neolóxica formada pola xuntura do prefixo “co-” e do substantivo “xeración”, calcando o modelo do inglés cogeneration.

----------------------------------

[1] En francés só o verbo gérer presenta unha forma sen -n- intervocálico (générationdegénérationrégénération).

[2] É máis ca probable que os termos ingleses photogenerationmicrogeneration e multigeneration influísen á hora de ofrecer un modelo constructivo que as linguas romances imitaron con elementos propios.

The contents of this page were updated on 11.20.2023.