Skip to main content

Novos valores en fotografía e artes plásticas amosan as súas obras na Igrexa da Universidade

Pilar Murias, segunda pola esquerda, e Cristina Pichel, terceira, con varias das persoas premiadas en Fotografía. FOTO: Santi Alvite
Pilar Murias, segunda pola esquerda, e Cristina Pichel, terceira, con varias das persoas premiadas en Fotografía. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, inauguraron a mostra de XuventudeCrea 2023

A Igrexa da Universidade acolle ata o 9 de decembro a mostra das obras finalistas e gañadoras das modalidades de fotografía e artes plásticas -pintura e escultura- do certame XuventudeCrea 2023, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta. O nome das persoas gañadoras anunciouse este luns 20 nun acto presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, no que tamén interveu a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel Toimil.

Na modalidade de fotografía obtivo o primeiro premio Lucía Castro Álvarez, pola obra 'Todos levamos sol nos ollos'; o segundo foi para Iria Álvarez Liñares, por 'Ellipsim' e o terceiro para Alejandra del Carmen Vera Echegaray. Houbo mencións de honra para Naiara Ayelén Carraza Ibáñez por 'Paisaxes da alma' e para 'Rodrigo Cruz Gómez' por 'Desarraigo'.

En artes plásticas logrou o primeiro premio Abraham Alonso Méndez por 'IA 1993'; o segundo obtívoo Yuxara Covelo Cameselle por 'Cestas Corpo' e o terceiro foi para Nerea Cordeiro Cerviño por 'Cidades telaraña'. As mencións de honra foron para Nerea Gundín Fraga por 'Bandeira' e para Iago Fontoira Araujo por 'Reflexos de encontro'.

A vicerreitora Pilar Murias asegurou que este certame é "fundamental" porque serve para o "descubrimento de novos valores", mentres a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, cualificou a Igrexa da Universidade como un "contedor cultural de primeira orde" e felicitou a todas as persoas participantes e finalistas no certame por dar "o paso valente de presentar unha obra para ser avaliada por un xurado profesional" e que poida ser amosada despois nunha "plataforma de visibilidade social" como esta exposición.

Xuventude Crea é un programa dirixido a creadoras e creadores non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, que naceran ou residan en Galicia. Impulsado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación das e dos artistas emerxentes.

A exposición poderá ser visitada de xeito gratuíto de luns a sábado en horario 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas.

 

The contents of this page were updated on 11.20.2023.