Skip to main content

A Deputación afianza o carácter universitario da provincia e a excelencia do Campus de Lugo cunha achega de 370.000 euros

José Tomé e Antonio López, trala sinatura do convenio no lugués Pazo de San Marcos
José Tomé e Antonio López, trala sinatura do convenio no lugués Pazo de San Marcos
O reitor Antonio López salienta diante do presidente da institución provincial, José Tomé, o compromiso da USC coa continuidade no tempo e de xeito presencial de titulacións consideradas esenciais na sede universitaria luguesa
Lugo

O reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, asinaron este martes no lugués Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para “afianzar o carácter universitario da provincia e seguir a potenciar a excelencia académica do Campus de Lugo”.

O acordo, referido á anualidade de 2023, sinalou Tomé Roca, servirá para financiar “actividades de investigación e transferencia de coñecemento, accións que poñen en valor os nosos recursos naturais e medioambientais, a potenciación do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica, ou a mellora das infraestruturas universitarias”.

Outras das actuacións para as que a Deputación Provincial de Lugo achega financiamento a través este convenio atinxe ao traslado da sede da Facultade de Formación do Profesorado ao campus universitario. Neste, senso o presidente da institución provincial concretou que o acordo contempla unha partida de case 135.000€ para a redacción do proxecto básico e de execución das novas instalacións para a Facultade de Formación do Profesorado que se levantará a carón do edificio do Complexo Docente, nunha parcela de 7.500 metros cadrados que tamén cedeu a Deputación Provincial.

Liñas de colaboración

José Tomé subliñou que o convenio asinado este martes é unha “das numerosas liñas de colaboración que mantemos coa USC, que no seu conxunto supera amplamente o millón de euros ao ano, e que nos sitúa como a Deputación de España que máis recursos económicos achega ás universidades públicas”.

Concretou que esta axuda se materializa, por exemplo, na Granxa Experimental de Leite, un laboratorio vivo do que non dispón ningunha universidade do Estado, e no que fan prácticas reais o alumnado de Veterinaria e de Enxeñería Agrónoma do Campus Terra; na cesión gratuíta dos terreos no que se sitúan as facultades, centros de investigación e servizos educativos do Campus, ademais da parcela para a nova Facultade de Formación do Profesorado; a programación de actividades culturais; ou o convenio que facilita ao alumnado da USC a realización de prácticas na Deputación.

O mandatario provincial incidiu en que a Deputación foi clave para crear o Campus de Lugo, e ségueo a ser “para manter, mellorar e ampliar a súa actividade”. “Cremos na educación pública, universal e de calidade, como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, e cremos que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia: pola propia actividade que xera a comunidade educativa na economía local, porque nos axuda a reter e a atraer talento; e pola transferencia de coñecemento e innovación ó tecido produtivo, sobre todo ao sector primario”.

José Tomé manifestou a súa preocupación pola polémica xurdida respecto dalgunhas titulacións do Campus de Lugo, razón pola que advertiu que “a Deputación de Lugo estará moi vixiante na defensa práctica do Campus Terra”, ao tempo que indicou que a continuidade do convenio asinado hoxe dependerá da continuidade e da permanencia a de graos “emblemáticos” do Campus. Asemade, engadiu, “o próximo pleno da Deputación debaterá unha iniciativa para trasladar á Xunta unha petición formal de modificación do decreto que fixa un número de mínimo de estudantes para a conservación de títulos de grao. “É urxente que a Xunta de Galicia cambie o decreto que regula o funcionamento dos campus periféricos, que ten xa 12 anos, e que o adapte á realidade social e educativa actual para que o Campus de Lugo poida seguir mellorando e medrando”, sentenciou Tomé.

O reitor da USC reiterou na súa intervención a gratitude da institución académica á Deputación de Lugo polo seu apoio ao Campus de Lugo. Así, logo de salientar esta “colaboración sustentable no tempo”, Antonio López sinalou o total compromiso da USC coa continuidade futura e con docencia presencial dos títulos de grao que son esenciais para a sede universitaria luguesa”. Alén desta férrea defensa dos estudos agronómicos e forestais que forman parte da identidade da sede universitaria luguesa, Antonio López, dixo que a USC tamén está a explorar a posibilidade de reforzar a actual oferta de titulacións no Campus de Lugo con graos que acheguen valor tanto á propia institución universitaria como á sociedade.

O compromiso do goberno da USC por manter no futuro a actual oferta académica no Campus de Lugo foi recibida con “satisfacción” por parte do goberno da institución provincial, cuxo presidente aseverou que “a USC sempre terá a man tendida da Deputación de Lugo para unir forzas, como fixemos ata o de agora”.

The contents of this page were updated on 11.21.2023.