Skip to main content

Bioloxía colaborará na protección do hábitat da píllara das dunas e doutras especies en Galicia e Portugal

Píllaras das dunas. FOTO: José Ramón Castro
Píllaras das dunas. FOTO: José Ramón Castro
O proxecto recibirá case 1,9 millóns de euros para desenvolver actuacións que mitiguen o impacto humano e o cambio climático nos ecosistemas costeiros

A Universidade de Santiago de Compostela coordinará o proxecto Iberalex, que desenvolverá ata 2026 accións destinadas a conservar e mellorar o hábitat de especies de fauna e flora que viven nas praias galegas, como é o caso das aves chamadas píllara das dunas ou pernileiro común. O investigador principal é o profesor da Facultade de Bioloxía Jesús Domínguez Conde e o importe global é de 1,89 millóns de euros.

Iberalex, que ten como título completo ‘Xestión sostible de praias e humidais ibéricos: conservación da Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodiversidade’ comezou en outubro deste ano e prolongarase ata setembro de 2026, contando co apoio do programa europeo Interreg-Poctep. Ademais da USC participan como socios a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, as universidades de Estremadura, Cádiz, Aveiro e Coímbra e a sociedade conservacionista portuguesa Vita Nativa.

O profesor Domínguez explica que desde 2014 xa existe en Galicia un plan de conservación da píllara das dunas, “que cría en praias galegas e que é unha das especies de aves máis ameazadas” e que nos últimos, grazas á colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e a USC, xa se recuperaron e liberaron “máis de cen polos” que axiña se espallaron por praias de Galicia, Portugal e Asturias.

Entre as accións que se contemplan está “o rescate de niños que poderían resultar afectados por mareas vivas ou a ordenación dos cordóns dunares para evitar o pisoteo dos niños de aves coma a píllara das dunas ou o pernileiro común, ou da flora autóctona, algo que xa se fixo por exemplo en Corrubedo”, explica o investigador.

O espazo transfronteirizo España-Portugal conta cun litoral de algo máis de 2.600 km, provisto de máis de 1.000 praias e importantes zonas húmidas, vitais para a conservación de moitas especies de fauna e flora pero tamén sometidas a numerosas actividades humanas, recreativas e extractivas.

O bordo costeiro e as zonas húmidas constitúen áreas centrais e corredores ecolóxicos sustentadores de diversidade ecolóxica, e son fundamentais no marco da Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030, da Estratexia Española de Infraestruturas Verdes e da Estratexia Portuguesa de Conservación da Natureza e da Biodiversidade 2030.

A píllara das dunas, ave limícola que constrúe os seus niños en praias e zonas húmidas do litoral ibérico e europeo, e cunha tendencia demográfica de acusado descenso, tanto en España como en Portugal, é unha das especies que simboliza o interese biolóxico desta zona costeira, e que permite a posta en marcha de actuacións mitigadoras de impactos antrópicos.

Iberalex concibe esta limícola como unha especie paraugas, propoñendo un conxunto de actividades e actuacións que servirán para mellorar o seu estado de conservación no espazo transfronteirizo España-Portugal, compatibilizándoo cos usos recreativos e extractivos humanos nun escenario de cambio climático, evidenciado polo continuo aumento do nivel do mar e a erosión costeira. Tamén contribuirá á conservación doutras especies de fauna e flora dependentes do ecosistema-praia e de humidais supralitorais e continentais.

O proxecto estrutúrase en catro actividades temáticas e once accións, dirixidas á educación e formación ambiental dos colectivos humanos implicados na xestión ou uso de lecer do medio costeiro, á redución do impacto do uso recreativo das praias e das variacións do nivel do mar sobre o éxito reprodutivo da píllara, o manexo dos hábitats e manexo da especie.

Na actualidade desde a USC participan tres docentes da Facultade de Bioloxía, pero contémplase contar co apoio de voluntariado nos vindeiros meses.

The contents of this page were updated on 11.23.2023.