Skip to main content

A formación para o traballo en Galicia e o Norte de Portugal, a análise en Ourense e Celanova

Os retos do mercado laboral que acollerá as e os estudantes cando se gradúen é un dos eixes do congreso. FOTO: Santi Alvite
Os retos do mercado laboral que acollerá as e os estudantes cando se gradúen é un dos eixes do congreso. FOTO: Santi Alvite
A USC forma parte da organización dun congreso internacional no que se abordarán os retos de futuro para o mercado laboral da Eurorrexión

Ourense e Celanova son as sedes do vixésimo terceiro Congreso internacional de Galicia e Norte de Portugal de formación para o traballo, que se inaugura este xoves 23 ás 14.30 horas no Centro Cultural José Ángel Valente ourensán e que continúa o venres 24 e o sábado 25 de novembro.

A segunda xornada será tamén en Ourense con obradoiros de formación presencial sobre as ferramentas dixitais para o currículo, competencias para a vida laboral e experiencias extracurriculares para a vida laboral, entre outros temas. A tecnoloxía será un dos eixes clave nas conferencias sobre o emprego e así mesmo abordarase a prospectiva institucional da formación e a orientación na comunidade galega e en Portugal.

O congreso trasladarase o sábado 25 ata o mosteiro de San Salvador de Celanova, onde será a xornada final, que se clausura cunha conferencia a cargo de Mario Antonio Lado (USC) e Paulo Silva, xerente da empresa PlastiCerveira Transformação de Plástico Lda, na que profundizarán sobre a formación, a estratexia de desenvolvemento persoal, profesional e económico, así como o impacto do nivel de cualificación nos salarios e a retención de talento endóxeno.

Más de 200 persoas asisten a un evento no que se presentará unha vintena de comunicacións relacionadas cos retos aos que se enfronta o mercado laboral da Eurorrexión. O congreso está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, a Delegación Rexional do Norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, e a Universidade de Porto, coa colaboración de institucións e entidades coma o Concello de Ourense, a Deputación Provincial ou a Xunta de Galicia. A presidenta do Comité Organizador é a profesora da USC Margarita Valcarce Fernández.

“Queremos mostrar dende unha posición periférica as nosas preocupacións e achegar coñecemento novo sobre os avances da investigación e da práctica nestas temáticas”, explicou a profesora Margarita Valcarce na presentación do evento. 

Entre os obxectivos que persegue este foro atópanse o feito de identificar novos desafíos na formación, orientación e inserción laboral das persoas, como consecuencia da interseccionalidade social, tecnolóxica e persoal; salientar necesidades da formación, orientación e emprego derivadas da devandita interseccionalidade; outorgar visibilidade ao potencial deste fenómeno, para lograr unha maior empregabilidade, na investigación sobre formación, orientación e inserción laboral; coñecer boas prácticas; debater sobre as posibilidades de futuro e sinalar liñas de acción, entre outros. 

 

 

The contents of this page were updated on 11.23.2023.