Skip to main content

Begoña Barreiro afronta o segundo mandato como decana para “facer de ADE unha facultade viva e adaptada á sociedade”

De esquerda a dereita, Barreio, Silva, Durán Barreiro Fernández, Viaño, Losada, Ferreiro, Bueno e López
De esquerda a dereita, Barreio, Silva, Durán Barreiro Fernández, Viaño, Losada, Ferreiro, Bueno e López
O reitor da USC apremia en Lugo a definición das universidades e a adopción de mecanismos que permitan ofertar con axilidade os títulos que a sociedade demanda

A profesora do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC Begoña Barreiro Fernández traballará a prol de desenvolver as diversas liñas de actuación contempladas no Plano Estratéxico aprobado pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo ao longo do seu segundo mandato como decana, a fin de “facer de ADE unha facultade viva e adaptada á sociedade”. Barreiro Fernández adiantou estas ideas no transcurso da súa toma de posesión como decana da Facultade de ADE nun acto académico presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, desenvolvido na Vicerreioría de Coordinación do campus de Lugo, onde Begoña Barreiro fixo fincapé na figura decanal como catalizador de inquedanzas e propostas da comunidade universitaria, ademais de promotor de novas iniciativas a prol do futuro do centro universitario e tamén en beneficio da súa contorna social.

A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, destacou na súa intervención que as liñas de actuación contempladas no plano estratéxico do seu centro universitario coinciden coas directrices da USC e pasan pola progresiva implantación dun modelo de recursos humanos eficiente e sostible, o deseño dunha oferta formativa acaída para satisfacer as expectativas e a inserción laboral do alumnado, o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores, a transparencia e a eficiencia na xestión, transferencia de coñecemento, promoción internacional do centro… Accións todas encamiñadas a facer da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo “unha facultade viva e adaptada á sociedade”.

A busca da excelencia na docencia, a través da mellora continúa, e a progresiva consolidación de profesorado estable no centro son outros dos cometidos a prol dos que traballará o equipo decanal da Facultade de ADE, destacou Barreiro, que tamén adiantou a súa vontade de afondar na colaboración intercampus coa Facultade de Económicas de Compostela.

O reitor da USC, Juan Viaño, salientou na súa intervención a “estabilidade” que reporta para calquera centro universitario a renovación de mandato do seu equipo decanal. Así, logo de transmitir os seus parabéns ao equipo liderado por Begoña Barreiro cara a nova etapa que afronta a Universidade ante o deseño dun novo mapa de titulacións no SUG, Viaño remarcou en Lugo a necesidade de que as universidades se definan diante deste novo escenario, ao tempo que demandou a implementación ou adopción de mecanismos que permitan ofertar con axilidade os títulos que a sociedade demanda para dar resposta aos seus problemas e necesidades.

Os profesores da área de Comercialización e Investigación de Mercados Fernando Losada, que actuará como vicedecano, e Pablo Durán Santomil, en calidade de secretario académico, completan o novo equipo decanal da Facultade de ADE. Barreiro manifestou publicamente o seu agradecemento a estes docentes polo compromiso amosado co centro, ao tempo que tamén lembrou o traballo desenvolvido polas persoas que a acompañaron durante o seu primeiro mandato como decana, Sebastián Villasante, Marta Portela e Jacobo Feás.

Os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, así como o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto López; o vice xerente do campus de Lugo, José Luis Cruz; o adxunto ao Reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos, e a secretaria Xeral da USC, Consuelo Ferreiro, tamén estiveron presentes no acto de toma de posesión de Begoña Barreiro como decana da Facultade de ADE, ao que tamén asistiron os decanos e directores de todos os centros universitarios do campus. A presidenta da Axencia pola Calidade do Sistema universitario Galego (Acsug), Patrocinio Morrondo, e o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, foron outras das autoridades políticas presentes entre o público.

Begoña Barreiro, na súa intervención no acto de toma de posesión como decana

The contents of this page were updated on 03.21.2017.